Aberto o prazo para optar ao 'Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza'

Esta iniciativa da Deputación da Coruña está dotada cun orzamento total de 250.000 euros que irán destinados aos vinte proxectos seleccionados.
Xurxo Couto e Xabier Campos, na rolda de prensa de presentación desta liña de axudas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xurxo Couto e Xabier Campos, na rolda de prensa de presentación desta liña de axudas (Foto: Nós Diario).

A Deputación da Coruña informou esta cuarta feira da apertura do prazo para presentar solicitudes para o 'Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22', que ficará aberto durante un mes.

Cun orzamento total de 250.000 euros, esta iniciativa apoiará unha vintena proxectos que "difundan e socialicen o coñecemento sobre a historia medieval galega" a través de produtos audiovisuais, merchandising, produtos propios da cultura 'pop' actual, intervencións de cultura urbana, libros ou discos.

Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e, de todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de vinte proxectos que recibirán unha contía máxima de 12.500 euros cada un.

As solicitudes para esta convocatoria, que sae publicada esta cuarta feira no Boletín Oficial da Provincia (BOP), deberán realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesíbel desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

O Goberno coruñés sinala, nun comunicado, que recibiu "numerosas propostas" desde que a comezos de ano se fixo pública a creación deste fondo. Para o deputado de Cultura, Xurxo Couto, isto "evidencia a existencia previa dun grande interese en desenvolver iniciativas relacionadas coa nosa historia medieval e que, tal e como xa tiñamos detectado, precisan dunha canle de apoio para ver a luz".

Couto confía en que esta primeira edición "arrinque cunha diversidade de proxectos significativa e que contribúa a pór en valor a historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval da Galiza".

"O 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' terá contunidade con novas iniciativas relacionadas coa historia medieval da Galiza que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como nos vindeiros anos", salienta a Deputación.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios