Milia de Wessex, mar por medio

O casoiro de Milia de Wessex e  Rodrigo Romaes explícase no marco dos intensos contactos diplomáticos desenvoltos polos reis galegos diante doutras monarquías europeas.
Gravado do rei Edgberto de Wessex recollidas nunha crónica do século XII.
photo_camera Gravado do rei Edgberto de Wessex recollidas nunha crónica do século XII.

Foi filla do rei británico Edgberto de Wessex, figura popularizada pola serie Vikings. Nado arredor de 771, exiliado durante máis dunha década na corte de Carlomagno e casado cunha parente  do mesmo emperador dos francos, o seu reinado significou a hexemonía de Wessex no espazo británico: a propia casa real inglesa sitúao como orixe da súa dinastía. 

Casou con Rodrigo Romaes, nobre emparentado coa monarquía galega. Fillo de Ramón Romaes, conde de Monterroso e señor de San Marta de Ortigueira, e de Teresa Arias, da estirpe dos Núñez e dos Osorio, foi neto por vía paterna do rei Froila I e sobriño de Afonso II. Froila, que tivo a Ramón da nobre galega Hermesenda Romaes, residiu boa parte da súa vida nas terras de Ortegal, acontecendo outro tanto con Afonso II, educado no país pola familia dos Osorio e primeiro impulsor do mito xacobeo, correspondéndose co seu reinado as primeiras novas do achádego do sepulcro do apóstolo Santiago. 

A comunicación entre o noso país e os reinos europeos do Atlántico é unha constante histórica perfectamente documentada durante toda a Idade Media

O matrimonio de Milia de Wessex e  Rodrigo Romaes consumouse na primeira década do século IX, dispondo a parella de importantes propiedades nas terras de Ortigueira, de Lugo, da Mariña e da Ulloa. A súa descendencia fixo parte da cúspide do grupo oligárquico do espazo cristián peninsular, manténdose ligados familiarmente á casa real, como aconteceu coa súa neta a raíña Ortega Romaes, esposa de Ramiro II, e a súa bisneta, Aragonta González, casada co rei galego Ordoño II. Ao tempo, Milia e Rodrigo eran os bisavós de san Rosendo, neto do seu fillo Ero Fernández, o poderoso conde de Lugo. 

O casoiro de Milia de Wessex e  Rodrigo Romaes explícase no marco dos intensos contactos diplomáticos desenvoltos polos reis galegos diante doutras monarquías europeas. Emilio González López, un dos historiadores que se ocupou deste matrimonio, púxoo como exemplo das relacións de Galiza coa Illas Británicas ao longo dos séculos VIII e IX, significando a permanencia das mesmas durante todo o período antigo e medieval. 

A comunicación entre o noso país e os reinos europeos do Atlántico é unha constante histórica perfectamente documentada durante toda a Idade Media, exemplificada na etapa sueva coa instalación dos bretóns no norte galego no século V, a viaxe de Idacio da Limia ás Galias en 431 ou o traslado a Braga das reliquias de Martiño de Tours. 

O imperio carolinxio pairou sobre as relacións entre a casa de Wessex e a monarquía galega. Edgberto de Wessex pasou uns 15 anos na corte de Carlomagno, aprendendo, en palabras de Guillerme de Malmesbury “as artes de goberno nas Galias”; e o rei galego Afonso II mantivo unha relación intensa co emperador. Segundo escribiu o biógrafo e asesor de Carlomagno, Exinardo “foi tan próxima a alianza que Carlomagno mantiña con Afonso, rei de Galiza, que este último, cando enviaba cartas e embaixadas a Carlos, chamáballe invariabelmente o meu señor”. 

Os contactos entre ambas as monarquías foron permanentes durante o século IX, como mostran as xuntanzas de Afonso II co bispo Teodulfo de Orleáns, quen nos seus poemas cantou a fertilidade das terras galegas, ou co mesmo Jonas de Orleáns, peza chave nos reinados de Luís O Piadoso e embaixador do imperio en Compostela.

Máis en Información do Reino
Comentarios