As relacións do Reino de Galiza con Carlomagno

A endiañada xeoestratexia interna do espazo peninsular ao longo dos séculos VIII e IX obrigou os monarcas galegos a intensificar a súa acción diplomática diante de Carlomagno. O rei dos francos, a principal potencia rexional europea do momento, na cúspide do seu poder, após ser nomeado no ano 800 emperador do Sacro Imperio Romano, non só partillaba coa coroa galega intereses territoriais na área ibérica e o combate á doutrina adopcionista, senón que xogaba un papel de árbitro no contexto europeo.

Afonso II
photo_camera O rei galego Afonso II

As relacións políticas entre un e outro reino terán continuidade após a morte de Carlomagno e de Afonso II, seguindo até os tempos de Carlos O Calvo e Afonso III, merecendo unha especial atención nas crónicas francas do momento que contrasta co silencio gardado pola documentación xerada no Reino de Galiza.

Afonso II, o rei galego educado en Samos, foi o grande impulsor dos contactos diplomáticos co emperador dos francos. Segundo se recolle na Vita Karoli Magni, a grande crónica do reinado de Carlomagno, elaborada polo seu biógrafo e asesor Exinardo a comezos do século IX, “ foi tan próxima a alianza que Carlomagno mantiña con Afonso, rei de Galiza, que este último, cando enviaba cartas e embaixadas a Carlos, chamáballe invariabelmente o meu señor”. Así a Vita Hludoviqui, a principal historia do reinado do fillo de Carlomagno Luís O Piadoso, redactada á volta do 840 por un autor anónimo coñecido como “O Astrónomo”, dá conta da presenza dunha embaixada galega no 795 en Toulouse, onde os representantes de Afonso II negociaron con Luís O Piadoso unha alianza militar contra os pobos árabes da península. Un ano despois, outro continxente galego, neste caso encabezado por Froila, mantén unha xuntanza en Aquisgrán co propio Carlomagno, quen é agasallado cunha tenda de campaña dun militar da área peninsular española.

As embaixadas galegas terán a súa correspondencia por parte dos francos. Segundo algunhas fontes, o bispo Teodulfo de Orleáns, un dos principais conselleiros de Carlomagno quen non seus poemas cantara á fertilidade das terras dos galegos, reuniríase con Afonso II. O monarca galego recibe no 799 Jonas de Orleáns, bispo tamén desta cidade é peza chave nos reinados de Luís O Piadoso, como embaixador do imperio carolinxio en Compostela. A súa presenza en Galiza viña a ser a resposta a un requirimento dunha delegación encabezada outra vez por Froila e Basilisco que se reuniu no 798 con Carlomagno en Aquisgrán, destacando as crónicas a “cantidade e a riqueza dos presentes achegados polo moi grande rei dos galegos Afonso”. Así e todo, un dos fitos decisivos desta relación vén marcado polo combate á doutrina adopcionista, sinalándose na mesma o Concilio de Frankfurt do 794, o máis importante celebrado nos tempos de Carlomagno, onde xogaron un papel destacado os bispos galegos.

Afonso II, o rei galego educado en Samos, foi o grande impulsor dos contactos diplomáticos co emperador dos francos.

As relacións entre galegos e francos terán continuidade após a morte de Carlomagno. A política matrimonial de Afonso III, casado coa filla do rei de Navarra García Iñiguez e cosobriña de Carlos O Calvo, favorecía estes contactos é unha relación de privilexio cunha monarquía carolinxia xa en decadencia. O continuador da crónica de Gregorio de Tours sinala que “o príncipe e o rei Carlos e Afonso, rei da Galiza e fillo de Ordoño, foron contemporáneos e moi amigos mentres viviron”. Outro documento contemporáneo, neste caso do 867, afonda nesa idea, recollendo o nomeamento de Afonso III como rei da Gallia Comata, un enclave entre os Perineos e as terras galegas da actual Araba. Porén outras fontes francas, neste caso a Vita Symeonis Achivi , escrita no século X, destaca as tensión entre un e outro rei, até o punto de se referir a un intento de intervención militar de Carlos O Calvo, neto de Carlomagno, contra Afonso III, iniciativa conxelada polo labor de mediación do abade Hatton de Richeneau

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios