Bruxelas sobe o ton nas exixencias que pede a Portugal

Máis recortes e maior dose de austeridade se o executivo de Passos Coelho quer que a Troika desbloquee o segundo tramo do resgate. 

Polo de agora Bruxelas avanza que representantes da Troika viaxarán ao país veciño para avaliar o cumprimento dos acordos asinados no Pacto de Agressao. A sentenza adoptada pola xustiza lusa comeza a espertar a desconfianza nas institucións comunitarias. Neste senso, representantes da Comisión europea urxiron ao executivo portugués apresentar o plan de medidas alternativas que compensarán o "buraco orzamental" xerado após a decisión do TC de declarar inconstitucionais os cortes nos subsidios de ferias a fuincionar@s e pensionistas (1.300 millóns de euros). 

Malia que Passos Coelho apurou o seu discurso do domingo e pronunciou as verbas que gostan de ouvir en Bruxelas "recortes" e "redución do gasto público",  as esfameadas institucións internacionais (BCE-FMI-UE) --ávidas de diñeiro público-- advertiron ao goberno portugués que "unha desviación do axuste prolongará as dificultades" e, quen sabe, quizais exixa da aprobación dun segundo resgate, como en Grecia, que pague as débedas contraídas co primeiro. 

Mais para Bruxelas o aumento exponencial do desemprego, a redución da calidade de vida do pobo portugués e as masivas manifestacións non son consecuencia das imposicións económicas da Troika. Segundo a Comisión europea, o programa de axustes está a contribuír para "aliviar as consecuencias sociais da crise" e exixe ao goberno de Passos Coelho a continuar adiante coas reformas e recortes no sector público para paliar os efectos negativos que, di, traerá nun futuro a decisión do Constitucional. O novo chivo expiatorio de Bruxelas e Lisboa. 

Porén, para as forzas da oposición as verbas do primeiro ministro son só "excusas" para continuar a implementar a "política de austeridade" deseñada pola Troika co visto e prace da coalición PSD/CDS. "O que queren é á forza e á marxe da lei" continuar adiante coa "liquidación das funcións sociais do Estado" asegurou en comparecencia de imprensa Jorge Cordeiro, do PCP, quen acusou a Passos Coelho e o goberno luso de continuar a "impor a austeridade" tirando "as súas responsabilidades para cima doutros". 

Comentarios