VALENTÍN GARCÍA, SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

“As posibilidades da lusofonía para Galiza son moitas máis das que nós mesmos pensamos”

Anunciou nunha recente comparecencia parlamentar que a Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP) transmitiulle que Galiza era “candidata firme” a facer parte da organización lusófona. Unha noticia que pasou sen apenas repercusión mediática, embora a súa importancia. Falamos co secretario xeral de Política Lingüística sobre o que para Galiza suporía estar nunha institución que, di, é moito máis que lingua.

valentin garcia spxl galego xunta
photo_camera Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

-Recentemente anunciou, nunha comparecencia no Parlamento, que desde a CPLP (Comunidade de Países de Língua Portuguesa) transmitiuse á Xunta que Galiza era “candidata firme” a facer parte desta organización da lusofonía.

-A CPLP é o máximo órgano de concentración dos países lusófonos, aínda que non só, pois tamén se incorporaron países que teñen o portugués como segunda lingua. Mais a CPLP é moito máis que un organismo de natureza lingüística,se ben a lingua é o nexo de unión, común a todos eles. Hai países moi diversos, con naturezas sociais distintas, economías diferentes... É unha organización onde fundamentalmente, no seu día a día, o que se debate e trata son asuntos de carácter nomeadamente económico. Cando me convidaron ás primeiras xuntanzas comprobei que alí do que se falaba era de petróleo, de gas, de exportacións... Preguntábame “e eu, que fago aquí?” (ri). Eu fora alí a falar do galego e de Galiza e atopo con executivos e altos cargos falando de economía, de comercio... Tamén se fala de lingua e de cultura, claro, mais a CPLP é algo máis amplo que iso.

“A CPLP é moito máis que unha organización centrada na lingua e cultura. Alí fálase de economía, de comercio... ”

Esta circunstancia, que a CPLP fose moito máis que unha organización de lingua, lonxe de facernos refractarios, ao contrario, espertou máis o noso interese. E así o transmitín ao presidente da Xunta o mesmo día que voltei da reunión da CPLP, informando das potencialidades que se abrían de estar aí. O presidente entendeuno e el e máis o conselleiro deron orde de acelerar todos os mecanismos para incorporarnos á CPLP.

O criterio da CPLP establece que con que un só dos seus integrantes vete a entrada dun novo membro, este non poida entrar, pois requírese que haxa unanimidade para aceptalo. E, claro, Galiza non é un estado, é unha comunidade autónoma que pertence a un estado que é castelán-falante. E iso hai que explicalo moi ben. Reivindicamos, por dicilo dalgún xeito, os nosos dereitos históricos, explicando que somos o lugar onde naceu o portugués. Unha afirmación, por certo, que foi asumida. Expuxemos que Galiza é un bon lugar para ser ese camiño intermedio entre o mundo lusófono e o hispano, para ser unha rampa de intercomunicación entre ambos os dous, que non están tan unidos como se pode pensar. Explicamos tamén que nós considerámonos parte da lusofonía, o que lles agradou.

“Ven Galiza como unha oportunidade, unha nova porta a Europa”

Víronnos como unha oportunidade, unha porta en Europa. Porque se ben a lusofonía é moi ampla, o único socio europeo é Portugal e con nós chega a oportunidade de que se abra outra xanela para a lusofonía en Europa e a Unión Europea. Podemos desenvolver, dentro das nosas capacidades, un papel distinto dentro da CPLP.

-En que punto de todo este proceso nos atopamos agora?

-Animáronnos a que presentaramos solicitude e tivemos que procurar un 'socio' presentador. Ese papel, por proximidade e outros factores, entendemos que o debía facer Portugal. Puxémonos en contacto con Lisboa. E aí comezamos outra fase: Galiza é unha autonomía e non pode negociar directamente coa diplomacia portuguesa. Tivemos que facelo todo por medio do Estado español e da Embaixada de Portugal en Madrid

-Non houbo pexas por parte do Estado español?

-Non, ao contrario. Estas cousas levan moito traballo previo, conversas, contactos... mais non houbo pexas ou problemas.

O que axudou moito a este proceso foi aprobar a Lei Paz Andrade e asinar o Memorando de entendemento coa República de Portugal, nomeadamente co Instituto Camões para preparar os profesores de portugués. Todos estes antecedentes fixeron que Portugal se mostrase moi disposto a axudarnos. Transmitiunos que para eles sería unha gran honra propoñer Galiza como membro da CPLP e temos noticia de que o Comité de Concentração, que é como unha comisión permanente, tomou en consideración a candidatura de Galiza e informou favorabelmente, iso é un gran paso.

“A CPLP pode servir para promovernos fóra mais tamén serve para demostrarnos dentro, aquí, en Galiza, que o galego é lingua internacional, que é útil”
 

.Que parte do proceso fica por percorrer agora?

.É o plenario quen ten que admitirnos como novo membro, membro observador e consultivo, non somos un estado. Dentro dos seus estatutos o único que non podemos é votar, mais estariamos en todos os órganos de representación da CPLP. E iso é un logro histórico, abre unha multitude de oportunidades.

Ademais, ten outro aspecto moi importante, axudar á toma de conciencia en Galiza de que temos unha gran vantaxe por ter o galego. Sacar ao galego ese 'sanbenito' aínda existente de que alén do Padornelo non serve para nada; podemos dicir: mire, non, o galego serve para se comunicar con 250 millóns de persoas, o galego é o contacto coa lingua máis falada do hemisferio sur, o galego dá entrada en países con grandes potencialidades. E iso non cho dá nin o alemán, nin o italiano, dácho o galego. E somos os únicos no Estado que temos esta vantaxe.

A CPLP, pois, pode servir para promovernos fóra, mais tamén serve para demostrarnos dentro, aquí, en Galiza, que o galego é lingua internacional, que é útil.

-En marzo de 2014 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Lei Valentín Paz Andrade, que tivo a súa orixe nunha ILP apoiada por máis de 17.000 sinaturas. Dous anos despois, que balanzo fai?

-A Lei foi un instrumento fundamental, entre outras cousas, para poñer en marcha todo isto do que estamos falando a respecto da CPLP. A lei, embora ser breve, afecta a moitos ámbitos e ten vocación de aproveitar e estreitar os vínculos coa lusofonía. Avanzouse nestes dous anos, mais é pouco tempo para avaliar unha lei. Un dos avanzos foi o incremento de alumnos de portugués nos centros educativos: pasamos nun só curso de 800 a 1.800. Estamos organizando departamentos de portugués nos centros, estamos coa validación dos profesores que poidan impartir portugués nos centros. Este ano xa metemos no programa Piale a formación de profesorado galego en Lisboa, no Instituto Camões.

“Todo este camiño debía estar andado hai moitos anos. Se non se andou foi, en parte, polo conflito normativo”

Houbo máis avances, que teñen que ir intensificándose, como é no eido comunicativo. Fixéronse programas conxuntos da TVG coa televisión portuguesa e agora vaise co-producir a primeira serie entre a CRTVG e a RTP, 'Hotel Vidago'. E están avanzadas as negociacións para a venda desta serie á televisión polaca, italiana... ou sexa, xa se comeza a traballar xuntos como empresa, o que é moi importante, actuar conxuntamente cara fóra, que Europa vexa que galegos tamén somos esa rampa para Portugal.

E tamén hai aspectos no económico, un exemplo é a participación de Galiza con stand e identidade propia en feiras internacionais da lusofonía, como a da pesca de Cabo Verde. Todo isto enmarcámolo dentro das posibilidades que nos dá a lusofonía, que son moitisimas máis das que nós mesmos poidamos pensar e imaxinar, moitas máis das que agora mesmo podemos atender. Todo este camiño debía estar andado hai moitos anos, e se non se andou foi, en parte, polo conflito normativo.

-Polo conflito?

-Se queremos seguir transitando por esta vía debemos esquecernos un pouco do “problema filolóxico” en todo isto. Deixar á marxe o tema normativo, e dígoo polos dunha banda e polos da outra, polo 'reintegracionismo' e o 'isolacionismo', e centrarnos en que os vínculos e proveito coa lusofonía é moito máis grande que unha cuestión normativa. Por iso incido no ámbito da economía.

-Na CPLP estas cuestións, estas diferenzas, debátense, percébense?

Por poñer un exemplo, eu alí nas xuntanzas poñía as diapositivas en galego e todos as entendían perfectamente. Entre eles mesmo teñen as súas diferenzas, por exemplo entre Portugal e Brasil houbo acordo, transacordo e requeteacordo... e o acordo non está aínda. E non pasa nada! Enténdense, colaboran.

Para seguir avanzando, e así o traslado a todos, desde RAG a AGAL, se destapamos outra vez o pote do problema normativo, todo isto corre perigo de ralentizarse, de frearse. Se comezamos a discutir outra vez se Galiza ou Galicia, volvemos a tempos pasados... A xente da rúa o que ve son as oportunidades económicas, de traballo. Hai galegos que traballan en Holanda porque saben intercomunicar co mundo lusófono, algo que non pode facer un alemán ou un holandés.

“Se comezamos a discutir outra vez se Galiza ou Galicia, se destapamos outra vez o pote do problema normativo, todo isto corre perigo de ralentizarse, de frearse”

Creo tamén que este proceso é imparábel, independentemente de quen vaia gobernar, o camiño fica aberto para calquera que veña: é unha oportunidade moi grande a que temos, moi grande.

-Para finalizar, e ao fío do que falabamos antes sobre a norma, nun recente manifesto se reclamaba a “fin do Apartheid” para o reintegracionismo dentro da cultura galega, avogando pola igualdade de oportunidades para a escrita reintegracionista na publicación de libros, nos premios literarios. Veo factíbel?

-A cuestión normativa é algo que é responsabilidade da Real Academia Galega. Hai xente que pensa que a norma é fixada polo goberno e non, é a academia. Eu penso que unha lingua non debe ter varias normas, debe ter unha, consensuada e ese consenso debe vir de moitos sectores, fundamentalmente RAG, os escritores, filólogos, linguistas, historiadores... e tamén opinando os que teñen responsabilidades públicas no goberno galego. Pero ao mellor tamén teñen que empezar a opinar sectores que non se teñen en conta nestas cuestións, como o empresariado.

Eu tamén son dos que digo que unha norma non é máis que unha norma. A difusión, o uso, a pervivencia e o futuro da lingua non vai estar supeditada a unha norma. Ao igual que creo que o galego ten futuro coa norma da RAG tamén creo que non por, por dicilo así, abrazar a norma portuguesa imos converter o galego nunha lingua moito máis falada. Creo, iso si, que entre todos deberiamos chegar a un acordo, que tampouco é tan difícil. Se imos todos xuntos podemos facer cousas importantes, se cada quen tira polo seu imos acabar rompendo o xoguete.

Non está ben que uns esteamos cunha norma e outros con outra, non está ben nin para o galego nin para calquera outra lingua do mundo. Outra cousa é que poida haber outras formas de entender o que é a norma. E non creo que a maioría da poboación entenda que uns escriban dun xeito e outros, doutro. Pero o que dixen antes, creo que se debe chegar a un consenso e un acordo para avanzar.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios