Passos Coelho rexeita demitir e anuncia novos cortes en ensino e sanidade

Cortes na despesa pública: seguridade social, educación e sanidade. Esas son as medidas anunciadas polo primeiro ministro portugués fronte á decisión do Tribunal Constitucional de ilegalizar catro dos artigos recollidos nos Orzamentos de Estado para 2013.

O mandatario luso asegurou que a sentenza do Constitucional compromete a negociación dos xuros da débeda contraída coa Troika e que celebrará a súa séptima revisión a vindeira semana en Dublín. 

Pedro Passos Coelho asegurou en comparecencia pública este domingo que o seu goberno "respecta" a decisión do Tribunal Constitucional que considera contrarios a dereito os cortes nos subsidios de ferias ao persoal funcionario e pensionistas, mais aclara que "non comparto" a interpretación da máxima instancia como tampouco o fan, dixo, "outros constitucionalistas". Aliás, culpa ao Tribunal de pór o país "nunha dificil situación" perante a re-negociación do rescate que se celebrará a vindeira semana en Dublín. 

O goberno luso reunirase coa Troika a vindeira semana en Dublin para re-negociar os xuros da débeda e avaliar a nova situación xerada após a decisión do TC

Para "compensar" as consecuencias da decisión xudicial --que atinxe a perto de 1.300 millóns de euros-- o mandatario portugués asegurou que non subirá os impostos mais si que aprobará medidas que afectan a depensa pública reducindo, aínda máis o gasto público. Neste senso, avanzou que se implementarán novos recortes na Seguranza social, o ensino e a sanidade, así como se aplicarán reformas estruturais na administración pública e as empresas do Estado. 

O propio primeiro ministro asegurou que as medidas a adoptar encetarán "un proceso de moita dificultade". A respeito dun posíbel segundo resgate á economía portuguesa Passos Coelho aseverou que traballará para que este non se produza, no entanto non desbotou con rotundidade esta posibilidade que, en todo caso, dependerá das negociacións coa Troika (UE-BCE-FMI). "Todo está por facer", dixo, para evitalo. Aliás, asegurou que terá que explicar ás institucións económicas internacionais as novas circunstancias derivadas da decisión do TC e que calificou de "emerxencia financeira". 

Malia que as forzas da oposición exixiron a demisión do primeiro ministro ou, no seu defecto que o presidente da República disolvese a Cámara e convocase eleccións anticipadas, Passos Coelho rexeitou demitir e argüíu a súa decisión a non poder permitir "que se desperdicien os esforzos feitos polos portugueses durante estes anos. 

Comentarios