O uso do galego na UE eliminaría a barreira para a etiquetaxe dos produtos

A oficialidade do galego, do catalán e do euskera facilitaría a súa difusión nos produtos comerciais. Queda en mans do Estado español exixir o uso das linguas oficiais 
Algúns produtos, como os que teñen Denominación de Orixe, empregan o galego na súa etiquetaxe (Foto: Nós Diario).
photo_camera Algúns produtos, como os que teñen Denominación de Orixe, empregan o galego na súa etiquetaxe (Foto: Nós Diario).

A carta enviada o pasado 18 de agosto polo ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, á Presidencia do Consello da Unión Europea (UE), pedindo que se inclúa o galego, o catalán e o euskera como linguas oficiais nas institucións da propia UE, abre a posibilidade de normalizar a súa presenza, vetada até agora polo Goberno español. Porén, o proceso e o resultado final, ademais de complexo, podería depender doutras decisións alén da europea. 

Para a catedrática e profesora de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC), especialista en Dereito Internacional e dereitos lingüísticos, Alba Nogueira, haberá aspectos nos que a UE, unha vez aprobada a modificación, non se defina de maneira taxativa. “No tema da etiquetaxe, por exemplo, demanda que sexa intelixíbel para as persoas consumidoras, polo que non fai causa de que conten coas linguas oficiais”, asegura a Nós Diario.

O procedemento que segue non é algo actual. “Cando os Estados tentaron adoptar medidas proteccionistas indicando que tiñan que estar coa etiquetaxe na lingua oficial, como forma de impedir o acceso de produtos doutros mercados, a UE deixou que os Estados estabelecesen normativas que son interpretábeis”, explica Nogueira. “No seu momento consideraron que iría en contra da filosofía librecambista”, acrecenta. 

Neste aspecto, para o profesor de dereito da Euskal Herriko Unibertsitatea, Íñigo Urrutia, “o recoñecemento das nosas linguas na UE frearía a homoxeneización que se produce coas liberdades de mercado”. Se agora as peticións de empregar as linguas oficiais nos produtos “que poden chegar por parte da Xunta da Galiza, co galego, ou do Goberno vasco, co euskera, considéranse barreiras á libre circulación”, cando sexan  linguas oficiais, "xa non contarán  con esa limitación”. 

Na situación actual, "as informacións necesarias só poden ir en castelán ou noutra lingua oficial da UE, e o resto de linguas quedan restrinxidas coa excepción de produtos rexionais", indica Urritia. Xogaría a favor, con este cambio normativo, “o interese europeo en preservar a diversidade lingüística e non habería problema na exixencia de etiquetaxe nas nosas linguas”.  Aínda así, quedaría en mans do Estado español adoptar as medidas necesarias. 

Un proceso difícil

O primeiro atranco que ten por diante o galego será que a modificación do regulamento deberá aprobarse por unanimidade dos Estados membro e tería que pasar por períodos transitorios para adaptar os recursos. O feito de que o Estado español ocupe este semestre a Presidencia do Consello da UE podería facilitar a negociación do cambio co resto dos Estados, ademais de ter en conta que non hai precedentes de que algunha vez a petición dun Estado fose rexeitada. 

Porén, a modificación non será doada. Urrutia, admite que é “unha incógnita” o status que se lle dará ás linguas para conseguir “o uso con normalidade do euskera, galego e catalán”. Considera que “xuridicamente non habería problema en que sexan oficiais” mais admite que esta cuestión “ten máis de política que de xurídica”. Neste aspecto, as dúbidas deste profesor veñen pola postura final de Francia, "que conta no seu territorio tamén co euskera e co catalán".

Non todas as linguas son iguais

Malia contar con vinte e catro linguas oficias, no día a día das institucións da UE empréganse na práctica tres: inglés, francés e alemán. “Funcionan con linguas de traballo habituais e os documentos non definitivos, como as primeiras propostas dos textos das directivas dos regulamentos, é habitual que só estean nunha lingua”, asegura Alba Nogueira. “Normalmente é o inglés”, engade.

Porén, formalmente, as vinte e catro teñen os mesmos dereitos e as institucións europeas están dispostas a asistir ou responder nestas linguas. “Hai un consenso non escrito entre o persoal das institucións europeas de que os Estados non se expresen na súa lingua nativa no momento de defender as súas posturas, para ter igualdade de condicións nos debates e faladoiros nos que participen”, sinala Nogueira.

Comentarios