venres 25/09/20

O tribunal europeo non admite a trámite a demanda da RAG polo decreto do galego

A Academia Galega vén de informar que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) non admitiu a trámite a demanda por, segundo eles, “unha razón formal”, nunha decisión non recorrible.

Fachada da RAG na rúa Tabernas
Fachada da RAG na rúa Tabernas

A Real Academia Galega afirma que “sen entrar no fondo do litixio, a Corte europea decidiu non admitir a trámite a demanda por unha razón formal, xa que, segundo as súas propias normas, só admite denuncias presentadas por particulares ou por colectivos directamente prexudicados, xa que, segundo as súas propias normas, só admite denuncias presentadas por particulares ou por colectivos directamente prexudicados”. 

A Real Academia Galega presentou o pasado mes de marzo unha demanda ante o TEDH en contra do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario alegando que este Decreto é discriminatorio e vulnera o dereito humano fundamental á igualdade. O TEDH non admitiu a trámite a demanda por, segundo eles, “unha razón formal”, ao non atender a súa alegación de que o fixera instada pola petición de pais e nais de escolares afectados polo devandito Decreto. A institución presidida por Alonso Montero lamenta que o TEDH “non entrase a valorar o fondo da súa demanda, plenamente xustificada”.

Desde a rúa Tabernas insisten en que “o sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do noso idioma, e que resulta imprescindible un novo marco legal que faga efectivo o dereito dos rapaces e rapazas a recibir a educación en galego, poñendo fin á redución cuantitativa e cualitativa da presenza do galego no ensino que trouxo o Decreto 79/2010. As súas consecuencias quedan patentes nos últimos datos estatísticos, que reflicten un preocupante retroceso do uso do galego entre as xeracións máis novas”. 

"Cuestión de vontade política"

A Mesa pola Normalización Lingüística, que decidiu non recorrer a instancias europeas este decreto, manifestou a través do seu secretario xeral, Marcos Maceiras, que "non é unha cuestión tanto xurídica como política, de vontade política de cumprir tanto a lexislación como os diferentes acordos políticos para garantir a igualdade de dereitos".