Pais e nais da escola catalá obrigada a impartir 25% en castelán: "Son castelanfalante e quero que a escola ensine en catalán"

Entrevista a pais e nais da escola de Canet de Mar -Maresme, Barcelona- onde un xuíz obriga a impartir 25% das materias en castelán. Ambos os dous amósanse contrarios á imposición xudicial desta lingua.
Imaxe de arquivo de crianzas nunha escola. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo de crianzas nunha escola. (Foto: Europa Press)

Hoxe, a escola Turó do Drac de Canet de Mar atoparase coa situación paradoxal de ter que seguir as instrucións dun xuíz que obriga a dar o 25% das materias da clase de P5 -6º de Infantil- en castelán, aínda que o catalán é a lingua vehicular. É consecuencia da denuncia posta por unha das familias da aula, con 25 nenos.

VilaWeb falou con algúns pais e nais da clase afectada, 22 dos cales se mobilizaron a favor do catalán como lingua vehicular, crearon un grupo de  WhatsApp e a páxina web El Turó en català, onde colgaron un manifesto que pide ao Departamento de Educación "as accións necesarias para blindar a inmersión lingüística nas escolas catalás". Esta tarde teñen prevista unha asemblea para decidir os seguintes pasos.

Inmersión lingüística

VilaWeb falou con Xavier Fita, psicólogo, que traballa nun equipo de mediación no espazo público no distrito de Sants de Barcelona, e pai afectado: "A min gústame este modelo porque creo moito na inmersión lingüística, e en que os fillos aprendan o catalán dunha forma natural para que sexa un idioma de comunicación. Nunca vivimos a lingua como un problema. Na casa falo en catalán aos nenos, e a miña parella, de Perú, fálalles en castelán. E vexo que á hora do recreo na escola os nenos ás veces xogan en catalán, ás veces en castelán. Non entendemos este problema de onde sae".

Quero que o idioma da escola sexa o catalán e que non lles ocorra como a min. Eu ía a unha escola castelanfalante onde me ensinaban catalán en castelán

Òscar Noa, animador infantil, tamén é un pai afectado: "O castelán é o idioma familiar, o que falo cos meus pais, coa miña parella e coas miñas fillas, e o catalán é o idioma que utilizamos para traballar e para relacionarnos coa xente do pobo. Temos unha empresa de xogos e cando saímos falamos en catalán. Pero en casa, en español. Quero que as miñas fillas sexan bilingües e aprendan os dous idiomas oficiais. E lles falen coa mesma naturalidade ca min. Quero que o idioma da escola sexa o catalán e que non lles ocorra como a min. Eu, do ano 1977, nacido en Hospitalet de Llobregat, ía a unha escola castelanfalante onde me ensinaban catalán en castelán".

Motivación política

Ambos os pais coinciden en cales son os motivos da familia que presentou a denuncia. Segundo Fita, "a miña sensación é que a motivación é política. Preguntamos na escola se a competencia en castelán era baixa e dixéronnos que non, que era superior á media. Por tanto, a motivación non pode ser que o neno non sabe falar castelán. Porque sabe. É outra. Creo que é un conflito inexistente. Son ganas de buscar un conflito onde non o hai. Politizan unha aula, tensan a escola e a dirección da escola, buscando un conflito que non estaba. Ao final, as afectados son as crianzas".

Nunca vivimos a lingua como un problema

"Non sabemos cales son os seus motivos, porque ninguén nos dixo quen son os pais. O único que podo dicir é que hai dous anos, cando apuntei á miña filla, cando me oíron falando en castelán, viñeron uns pais para pedir a miña firma para tentar que a escola fora en castelán. E díxenlles que non estaba de acordo. E que quero que a educación da miña filla sexa en catalán. Non o tomaron moi ben. 'Pero se es castelanfalante.' E que ten que ver? Eu dicíalles que entendesen que son dunha sociedade bilingüe. O seu razoamento non acabo de entendelo. Ti vas á zona de recreo e os nenos falan castelán, se por enriba lles sacamos o catalán da aula, non aprenderán o idioma. Máis aló de politizar a escola, non o acabo de entender, a verdade", resolve Noa.

Unha decisión da sociedade, non dun xuíz

Sobre cales son os pasos que debería dar agora a escola, os pais e o departamento queren quitarlle presión ao centro. "Cremos que non é unha cuestión desta aula, senón da escola, do pobo e da cidade. É un ataque á inmersión lingüística. Non somos xuristas e entendemos que se hai unha decisión firme dun xuíz… Non sei se temos pouco que gañar ou moito. Pero como familias debemos mobilizarnos e mostrar o noso rexeitamento á sentenza. Se hai que cuestionar se o modelo de inmersión funciona, como mellorar, que debería facerse, este debate debería facelo a sociedade e os pedagogos, nunca un xuíz”, apunta Fita. "Non entendo que, se houbo traspaso de competencias, un xuíz agora poida decidir. Esta quinta feira temos asemblea e veremos que facemos. De entrada, apoiamos a manifestación do día 18 en Barcelona".

Para Noa, "a escola quizais pouco pode facer. É unha resolución xudicial e eles son funcionarios. E poderían declararse en rebeldía, si. Pero terían moitos problemas e ao final tampouco podemos pedir isto a un claustro docente. Xóganse moito, por exemplo o proxecto da escola. Os pais, en cambio, até o de agora fixemos moito ruído e os medios xa nos coñecen. Pero agora creo que debemos dar un paso máis aló. Por exemplo, cando empece a clase obrigada en castelán, pasar a buscar ao neno e marchar. Ou non facelo. Non sei. Debemos pensar moi ben que facemos. E falar con inspección e ensino. Pero sempre garantindo a convivencia na escola. Eu non faría manifestacións fronte á porta da escola. Porque o neno da familia en cuestión non o merece. E non debemos politizar, sobre todo".

Non entendo que, se houbo traspaso de competencias, un xuíz agora poida decidir

Por último, outro aspecto que destacan ambos os dous é o paradoxo de que un xuíz obrigue a impartir 25% das materias en castelán nunha escola onde non hai materias. Trabállase por proxectos: “Si, é unha escola que funciona por proxectos. E non hai materias. Por tanto, non sei como se poden facer 25% de materias en castelán, cando non hai materias. E facer un 25% dun proxecto é moi raro”, di Fita. “Nós viñemos vivir aquí por esta escola. Son de Hospitalet e viñemos buscar unha escola pública de calidade. E esta escola o é”, conclúe Noa. 

Comentarios