As queixas por vulnerar dereitos lingüísticos quintuplícanse

O número de expedientes de queixas relativas á vulneración de dereitos lingüísticos presentados diante da Valedora do Pobo multiplicouse por cinco en apenas tres anos. Refírense a deturpacións toponímicas, a incumprimentos na lei e á exclusión da lingua propia por parte da Administración.
Centro de saúde do Sergas (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O Sergas acumula boa parte das reclamacións sobre vulneracións ao galego na Administración.

En 2019 foron 48 o número de expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos presentados ante a Valedora do Pobo, cifra que en 2021 —ano do último informe publicado— elevábase a 261, cinco veces máis.

Deses 261 expedientes recibidos, a Valedora admitiu 193, mentres que remitiron 36 ao Defensor do Pobo estatal. As queixas remitidas ao Defensor referíanse, principalmente, á exclusión do galego en instalacións do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif); ás mensaxes exclusivamente en español nas certificacións ou localizacións de envíos de Correos; dispoñibilidade só en castelán de formularios ou certificados nas sedes electrónicas de diversos Ministerios ou servizo estatal de emprego, así como topónimos deturpados nas páxinas web de organismos estatais. 

Os asuntos sobre os que se presentaron as queixas de vulneración de dereitos lingüísticos representan un amplo abano, que abrangue desde a exclusión do galego nunha exposición da Coruña até a dispoñibilidade da liña de atención sobre o coronavirus do Sergas exclusivamente en castelán, pasando por toponimia deturpada, atención exclusivamente en español por parte de persoal ou sinalización só en castelán en edificios públicos. O informe da institución que representa a valedora, Dolores Fernández Galiño, salientaba ademais "a intensa actividade da Mesa pola Normalización Lingüística e do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, entidades de defensa da lingua" que promoveron 234 dos 261 expedientes de queixas recibidos.

Nos anos 2019 e 2020, os motivos destas queixas presentadas pola cidadanía galega tamén eran variados: desde a denuncia de deturpación de topónimos por parte da Mancomunidade de Arousa Norte até o uso exclusivo do castelán na documentación de ingreso e alta no servizo de Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

A Administración acumula a maioría das reclamacións

O número de queixas recibidas na Mesa pola Normalización Lingüística por vulneracións de dereitos lingüísticos da cidadanía galega duplicou en 2021 —último ano con datos— o do ano anterior. O informe da Liña do Galego daquel exercicio apuntaba que son as Administracións, de novo, as que acumulan maior número de reclamacións: 65% do total. Ao longo de 2021, a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do Galego 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns. As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas. 

A respecto do sector privado, as empresas sobre as que máis queixas se rexistraron en 2021 foron Naturgy, Ikea, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia: falta de atención oral e escrita en galego, da sinalización e rotulación dos estabelecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega foron os motivos. O obxectivo do servizo Liña do Galego, salienta a Mesa pola Normalización Lingüística, é "romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego".

Comentarios