Por que a do Carballiño non é a Festa do Polbo xenuína?

O Carballiño celebrou este domingo a xornada principal dunha festa con máis de 60 anos de tradición. Segundo datos do Goberno municipal máis de 100.000 persoas consumiron case os mesmos quilos de polbo: 80.000. Mais... por que a do Carballiño non é a Festa do Polbo xenuína?

#polbo #carballiño #ocarballiño #festadopolbo #polboáfeira (Foto: Nós Diario)
photo_camera Polbo á feira (Foto: Nós Diario)

Milleiros de persoas achegáronse até o Parque Municipal do Carballiño para saborear o prato estrela do municipio: o polbo, nunha festa declarada este mesmo ano de Interese Turístico Internacional mais que non é a Festa do Polbo.

Festa do Polbo é a que tamén decorreu esta fin de semana en Bueu, e a que tivo lugar este sábado en Porto do Son. A do Carballiño é do “pulpo”, pois a pesar da polémica que tivera lugar a finais da primeira década dos 2000, o consistorio segue a promovela en castelán.

En 2008, co Goberno bipartito na Xunta, a Dirección Xeral de Turismo esixía a denominación en galego dunha das romarías gastronómicas con máis sona da Galiza, e daquela, o alcalde do PSOE Carlos Montes teimou en seguir usando a palabra deturpada. Así, na documentación oficial presentada ás subvencións á festa era do “polbo”, mais para o resto seguía a ser a festa do “pulpo”.

Tamén Argimiro Marnotes, alcalde do PP, optou pola verba castelanizada, até o punto de requirirlle á Real Academia Galega a admisión “pulpo” e “polbo”. A RAG deu o seu veredicto: polbo, mais non acabou coa polémica e o propio alcalde popular insistiu en deturpar a festa, mesmo con declaracións, sen base filolóxica ningunha, como que “aquí sempre houbo pulpeiras e non polbeiras”.

Polbo, apuntara a RAG, “é voz patrimonial galega” e está “documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual”. Pola contra, “pulpo”, carece de carácter patrimonial.

Na edición deste ano, ademais de veciñanza e visitantes participaron o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a responsábel de Turismo da Galiza, Nava Castro. Non faltou o actual alcalde, Francisco Fumega, quen no seu discurso empregou o termo deturpado.

Cartaz da Festa "do Pulpo" de 2022
Cartaz da Festa "do Pulpo" de 2022

Comentarios