A Festa do Polbo do Carballiño, declarada de interese turístico internacional

Esta festividade ten 60 anos de vida, nunha comarca na que a importancia do polbo na gastronomía local está documentada desde hai varios séculos.
#polbo #carballiño #ocarballiño #festadopolbo #polboáfeira (Foto: Nós Diario)
photo_camera A festa celébrase cada segundo domingo de agosto. (Foto: Nós Diario)

Xa é oficial. A histórica Festa do Polbo que cada ano enche as rúas do Carballiño recibe o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, logo da sinatura da declaración por parte do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, após comprobar que a localidade cumpre os requisitos.

"Nos seus 60 anos de historia, a Festa do Polbo converteuse nun imprescindíbel no calendario estival da Galiza. Malia tratarse dunha romaría contemporánea, contén todos os ingredientes para somerxer o visitante nas orixes da tradición polbeira da comarca do Carballiño, nunha contorna natural incomparábel", valorou.

O evento xa recibira en 2012 a distinción de Festa de Interese Nacional

Para obter esta denominación a popular festa do Carballiño recibiu anteriormente, en concreto en 2012, a distinción de Festa de Interese Nacional. Aliás, tivo que demostrarse a súa orixe, antigüidade e raizame, así como a orixinalidade e valor cultural deste evento.

E esas cuestións ficaron acreditadas grazas aos arquivos históricos da biblioteca municipal de Marín, que gardan documentos datados no século XVII que mostran como o polbo era usado como pago en especia aos frades de Oseira polos dereitos de foro derivados da labranza das terras.

Cómpre lembrar, neste senso, que o mosteiro de Oseira, fundado no século XII, chegou a estender os seus dominios até Marín —de aí que os arquivos estean na biblioteca deste municipio—, o que tornou a vila de San Cristovo de Cea nun importante centro neurálxico do comercio da época.

A un mes da festa

A Festa do Polbo celébrase cada segundo domingo de agosto e ten lugar no parque municipal do Carballiño, nunha extensión de máis de 30 hectáreas de árbores de diferentes especies.

Alén do polbo, o alimento por excelencia, pódense degustar outros produtos típicos da gastronomía local como o pan de Cea, os viños do Ribeiro e, como non podía ser doutro modo, a empanada.

Comentarios