Palabras con memoria: descansando entre palabras

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Unha persoa deitada (Foto: Andrey Popov).
photo_camera Unha persoa deitada (Foto: Andrey Popov).

alfareme.- (Ademais doutros significados rexistrados) Cacharreiro, oleiro.

Lugar de escoita.- Saavedra (Begonte).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

creb/vante.- Descanso momentáneo acompañado de lixeira somnolencia que se produce despois de comer e bótase mesmo na mesa e en compaña doutros debido á súa breve duración.

Exemplo.- “Déixao, que está a botar un creb/vante.”

Lugar de escoita.- Derrasa (Ourense).

Fonte.- Olga Rodríguez Díaz.

encomar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Quedar durmido sentado.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

enxarecer.- Conciliar o sono, adormecer, prender no sono. Enxarecido/a: adurmiñado/a, amorriñado/a ou enfadado/a.

Exemplo.- “Aínda non enxarecía e xa me tiven que erguer.”

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

esmorzoar/se.- Poñerse a descansar nun lugar, deitándose ou sentando comodamente, sen ánimo de traballar.

Exemplo.- “Este fillo meu pasa todas as vacacións esmorzoado no sofá vendo a televisión.”

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

ter gaia (pronunciado ghaia).- Ter poucas ganas de facer algo.

Lugar de escoita.- Cariño.

Fonte.- Simón Rey.

Comentarios