Palabras con memoria: sexualidades

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
'Pasar o fío do pastor' é sinónimo de ser infiel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Pasar o fío do pastor' é sinónimo de ser infiel. (Foto: Nós Diario)

conicho.- (Ademais de significados xa rexistrados) Aparello xenital feminino, cona.
Exemplo.- “Estamos ata o conicho de que non axudedes nunca.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Carmen Santomé.
Outros apuntamentos.- Conicho, igual que cono, do que é diminutivo familiar, presenta no Morrazo o xénero masculino, habitual no galego medieval e conservado no conxunto das linguas románicas. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

grolón.- (Ademais de significados xa rexistrados) Grelón, roncollo, home cun único testículo.
Lugar de escoita.- Sto. Adrián de Cobres (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
Outros apuntamentos.- A fonte indica que adoita pronunciarse con gheada.

minga.- Denominación vulgar do órgano externo sexual masculino.
Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.
Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.
Outros apuntamentos.- Aínda que tamén existe en castelán, atrevémonos a considerala válida en galego por haber unha mingarola con ese significado recollida por Constantino García.

pasar o fío do pastor.- Ser infiel.
Lugar de escoita.- Toldaos (Láncara).
Fonte.- María Xosé López Castro.
Outros apuntamentos.- Indica a fonte que llo escoitou a unha muller na cincuentena en Toldaos.

toureira/o (estar).- Aplícase a animais e persoas, andar en celo.
Lugar de escoita.- Atios (O Porriño).
Fonte.- Tamara Ramilo.
Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

Comentarios