Palabras con memoria: para mellorar

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Estar estoufada é estar sentada ou deitada sen facer nada de proveito. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estar estoufada é estar sentada ou deitada sen facer nada de proveito. (Foto: Nós Diario)

batuallar.- Crear unha situación confusa ou ruidosa.
Exemplo.- “Vaia dor de cabeza que me deu, estes rapaces non paran de batuallar, a ver se calan e sentan dunha vez.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Aurelia Grandal.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

caraquelas.- Persoa que carece de criterio e vontade.
Exemplo.- “Fíaste nel e vaite deixar tirado, é un caraquelas, nin ten palabra nin agacha o lombo.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Xosé Moital Santos, Manuel Otero Pérez, Pablo Rivas Martínez.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

caste.- (Ademais de significados obvios) Persoa que se comporta con mala intención.
Exemplo.- “Non te fíes deste, é un caste, non pensa máis que en facer dano.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Carmela Farto García.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

chiolas.- Home de pouca personalidade.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.

estoufado/a.- Estar sentada/o ou deitada/o sen facer nada de proveito.
Exemplo.- “Deulle unha pelota á nena para que non estea todo o día estoufada.”
Lugar de escoita.- Sur de Pontevedra.
Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

Comentarios