sábado 06/03/21

Palabras con memoria: diversidades

A casa do Taberneiro (Foto: Luís Díaz Díaz).
Rúa de San Pedro, Compostela (Foto: Luís Díaz Díaz).

arriquicho.- Feito repentino que acomete unha persoa sen sentido aparente.

Exemplo.- “Estaba xantando connosco, deulle un arriquicho e marchou para a casa.”

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).

Fonte.- Ana Garza Vázquez.

asaloucar.- Axitar, sacudir.

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).

Fonte.- Xulio López Valcárcel.

bizo.- Lapis.

Lugar de escoita.- O Páramo (Lugo).

Fonte.- Suzana do Páramo.

ciba.- Casa, fogar, morada.

Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- É moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

escomencipiar.- Palabra híbrida composta polos verbos escomenzar e principiar.

Lugar de escoita.- Lugo.

Fonte.- Henrique Harguindey Banet.

Outros apuntamentos.- Empregábase cun ton humorístico-festivo.

facer unha figura.- (Modismo) Facer algo sen especificar o que, realizar unha acción sen facer cita dela expresamente.

Exemplo.- “Levaba tanto sen velo, que cando chegou fixemos unha figura, e quedei preñe”. “Foise cara ao retrete dicindo, desculpádeme un intre, que teño que facer unha figura.”

Lugar de escoita.- Mesía, Boimorto e limítrofes.

Fonte.- Baldomero Iglesias Dobarrio.

comentarios