Palabras con memoria: calidades (ou non...)

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
A provincia de Barcelona produce máis porcos que toda Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera A provincia de Barcelona produce máis porcos que toda Galiza (Foto: Nós Diario).

esbrugo/a.- Puro, sen mestura, esburo.

Exemplo.- “Pisou un cagallón de merda esbruga.”

Lugar de escoita.- Nigrán.

Fonte.- Albino Soto Figueroa.

 estar baticano-a/vaticano-a.- Úsase para indicar experiencia: esa persoa ten experiencia ou é experta.

Exemplo.- “Está moi baticano-a/vaticano-a niso.”

Lugar de escoita.- Indeterminado.

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Outros apuntamentos.- Comenta a fonte que a persoa que lle falou sobre esta expresión indicoulle que pensa se será un vulgarismo de batucado-a, por ser máis doado pronunciar baticano que batucado. Nese caso tería un significado máis concreto, o de ter a experiencia de ser golpeado-a ou sufrir por algo, polo que se inclina pola ortografía co b. Non se me ocorre nada para explicar que vaticano-a teña ese significado de experiencia.

morriñento.- (Ademais de significados xa coñecidos) Porco, porcallán.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

remanguicho.- Persoa cunha capacidade extraordinaria para organizar tarefas. Persoa que organiza máis alá do que se lle recoñece como asunto seu. (En forma despectiva).

Exemplo.- “Estás feita un remanguicho.”

Lugar de escoita.- Vigo.

Fonte.- Begoña Caldas Rodríguez.

Outros apuntamentos.- Recollida da súa nai, Paz Caldas.

zarrupio/a.- Que ten un aspecto sucio.

Lugar de escoita.- Cambados.

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

Outros apuntamentos.- Suxerida por Álvaro Durán Bianchi, do CPR Ángel de la Guarda (Nigrán, Pontevedra), escoitada en Cambados.

Comentarios