domingo 01/08/21

Palabras con memoria: a beleza vai por dentro, ou non...

Xente na rúa durante o estado de alarma. (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Xente na rúa durante o estado de alarma. (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).

adramelo/a.- Referido ao físico, persoa feble; referido á personalidade, pouco consistente. Dependendo do contexto, pode substituírse por trapelo, tarabelo, bailanacriba, miscurriñas, choíñas, mixiricas etc. Alguén pode chamarlle adramelo a unha persoa que faltou á súa palabra por medo, que se amosa falto de valor ou carente de fortaleza física.

Exemplo.- “Es ben adramelo, ho!”

Lugar de escoita.- Morgade (Xinzo da Limia).

Fonte.- Xabier Xil Xardón.

ampre.- Dise da persoa que ten bo corazón, que mostra sentimentos nobres.

Exemplo.- “O fillo do Xil é moi ampre.”

Lugar de escoita.- Montouto e Labrada (Abadín).

Fonte.- Otilia Gil Díaz e Elsa Prieto Fernández (avoas de Lucía Rouco Souto).

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

espalmillar.- 1.- Escangallar. 2.- Asombrar para ben,chamar a atención.

Exemplo.- 1.- "Caeu e espalmillouse". 2.- "Era unha femia que espalmillaba".

Lugar de escoita.- Carnota.

Fonte.- Vanessa García Calvo.

espichalagartos.- Persoa moi fraca e, por extensión, tamén de non moi bon aspecto.

Exemplo.- “Parece un espichalagartos de fraco que está.”

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

pichanco/a.- Persoa de pouca entidade física.

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

traquelo/a.- Persoa locuaz.

Exemplo.- “Este é un rapaz moi traquelo.”

Lugar de escoita.- Forcarei.

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que tamén se usa en toda a Terra de Montes.

comentarios