venres 21.02.2020

Palabras con memoria: alimentando corpo e lingua

Pataca foto de Kevin Abosch
Pataca foto de Kevin Abosch

capón.- (Ademais de significados xa rexistrados) Cachelo.

Lugar de escoita.- San Lázaro (Mondoñedo).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

ceboleada.- Doce, larpeirada.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

espenar (as patacas).- (Ademais de significados xa rexistrados) Quitarlle a monda ás patacas.

Lugar de escoita.- Camelle.

Fonte.- Sofía.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Rois.

garabilleira.- Pata das galiñas que se come no cocido.

Lugar de escoita.- No sur da provincia de Pontevedra (na fronteira con Portugal).

Fonte.- José Luis Pérez Morais.

Outros apuntamentos.- A fonte considera que vén de garabillar, escarvar a terra coas uñas como fan estes animais. Noutras zonas do país, sería escaravellar, esgarabullar, esgarabellar.

millerado.- Dise do mel cando cristaliza.

Lugar de escoita.- Arante (Ribadeo).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Outros apuntamentos.- Non sabemos de momento se o verbo millerar é de uso en tempos que non sexa o participio.

nácoras.- Utilízase para referirse ás patacas.

Exemplo.- "Estas nácoras estanche ben boas.”

Lugar de escoita.- Bisbarra de Bergantiños.

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que é moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

pénghamo ou pénxamo.- Biscoito típico da Mariña luguesa, menos esponxoso porque non se montan as claras dos ovos.

Lugar de escoita.- Burela (A Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos.- O nome provén do barrio de Viveiro que así se denomina.

comentarios