martes 24/11/20

“Orense”, “Sangenjo” ou “Cotobad”: o PP detrás do “revival” da toponimia deturpada

“Orense”, “Sangenjo” “Villanueva de Arosa” ou “Cotobad” son algúns dos topónimos deturpados que están a empregar o Ministerio de Agricultura e Renfe, dependente do Ministerio de Fomento. A Mesa e Prolingua esixen á Secretaría de Política Lingüística que interveña na ilegalidade. 

De maneira oficial, na promoción dos trens turísticos de Renfe, dependente do Ministerio de Fomento ou na presentación dun proxecto de obras no litoral galego do Ministerio de Agricultura aparecen cada vez con máis insistencia o uso ilegal dos topónimos deturpados. “Orense” ou  “Sangenjo” son algúns dos utilizados nesta documentación institucional que levou, máis unha vez, á protesta de entidades que como a Mesa pola Normalización Lingüística e Prolingua esixen o cumprimento da lei no uso dos topónimos. 

A empresa pública Renfe está a empregar na promoción dos seus trens turísticos topónimos ilegais como “Orense” en anuncios que promociona o que chama “Rutas del Vino”, cunha páxina web que exclúe o galego. A campaña da empresa pública dependente de Fomento desenvólvese en colaboración coa Xunta de Galiza e o Inorde. A Mesa anunciou novas protestas que dirixirán tanto á Xunta como á Ministra de Fomento, Ana Pastor, encamiñadas a que obrigue a Renfe a cumprir coa legalidade no que define como un “revival da deturpación da nosa toponimia”. De feito, segundo denuncian, as queixas polo incumprimento da lexislación no nome dos lugares estanse a multiplicar nos últimos tempos, de maneira especial por parte do Goberno e empresas públicas. “Está motivado e impulsado ideoloxicamente desde o propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos”, denuncian. 

"A Mesa pola Normalización Lingüística e Prolingua esixen o cumprimento da lei no uso dos topónimos". 

"Pasividade vergoñenta" da Xunta
 
Responsabilizan así o Goberno central mais tamén a Xunta e, moi especialmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pola súa “pasividade vergoñenta” ao incumprir “tamén a súa obriga legal de protexer o noso patrimonio toponímico”. 

Pola súa parte, Prolingua dirixiuse ao Director Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, cargo do Ministerio de Agricultura para mostrar o seu rexeitamento polo emprego da toponimia deturpada no mapa utilizado o pasado 18 de xuño nunha rolda de prensa en Panxón. A entidade dirixiulle ao cargo do Ministerio unha carta de protesta e outra ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García porque, segundo defenden, “é inaceptable que se presente unha cartografía coa toponimia deturpada e que se alegue que se trata dun mapa antigo, que lonxe de ser unha escusa é unha mostra máis da falta de respecto das institucións do estado a Galicia”. No devandito mapa aparecían formas como “Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón” . Lémbranlle que a lei recolle que os topónimos na Galiza terán como única forma oficial a galega. “Queremos que se cumpra a legalidade lingüística para evitar caer en esperpentos públicos coma o do mércores. En Galicia os nosos lugares teñen un nome, un só, e é en galego, polo que pedimos que o respecten e que cumpran a legalidade vixente”, sinalan na carta de Prolingua. 

comentarios