Unha pediatra do Sergas desoe o galego dunha crianza de sete anos

As Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo viviron a pasada sexta feira un novo episodio de vulneración dos dereitos lingüísticos dunha familia galegofalante. Unha veciña da cidade acudiu ao servizo acompañando o seu fillo de sete anos, con 39,5 de febre e unha forte dor de barriga que lles fixo temer un ataque de apendicite. A pediatra que os atendeu, após a primeira criba, pediulles de "malas maneiras" cambiar ao castelán, e ignorou as explicacións do cativo até que a nai exerceu de tradutora. 
 
HAC Exterior 4
photo_camera A meirande parte dos casos de vulneración de dereitos fundamentais recollidos na Liña do Galego corresponden á Administración pública (Sergas).

A  última visita de Rute Pallares e do seu fillo de sete anos ao servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (HAC) derivou nunha queixa que a familia quere facer pública co fin de denunciar "a situación de desigualdade" que vive a lingua galega no seu propio territorio e "a vulneración dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes" en ámbitos da vida pública fundamentais, para a saúde das galegas e para a mellora da propia lingua.

Segundo conta a Nós Diario, a pasada sexta feira acudiu ás Urxencias do Álvaro Cunqueiro despois de recoller o seu fillo  de sete anos na escola. "Tiña 39,5 de febre e queixábase dunha dor moi forte nun lateral da barriga que practicamente non lle deixaba pousar os pés no chan nin camiñar".

Após superar o trámite da admisión, nai e fillo foron convocados a unha sala de triaxe co obxectivo de clasificar o grao da súa emerxencia e seren atendidos. "A pediatra da triaxe escoitounos e asistiunos en galego sen ningún problema". Foi máis tarde, cando recibiron a chamada dunha segunda pediatra para unha exploración en profundidade do cativo cando se viron sorprendidos pola reacción da facultativa á expresión que fixeron do sufrimento do neno en lingua galega. "Toda a familia é galegofalante e estamos afeitas a empregar a nosa lingua en calquera ámbito con normalidade", incide Rute Pallares.

"Hable en castellano"

Ao entrar na consulta, continúa o relato, "a pediatra dirixiuse a nós en castelán e eu, con naturalidade, empecei a contarlle que o neno tiña febre e que se encontraba moi mal. E fíxeno en galego, que é o idioma que uso a diario. De seguida, a médica interrompeume de mala maneira para pedirme que cambiara de idioma. Díxome: Mire señora, hable en castellano que no soy de aquí y no la entiendo". Rute Pallares recoñece que "non foi máis ca iso", sen increpacións nin reproches doutro tipo; pero suficiente, destaca, "para poñerme moi nerviosa e facerme sentir fatal. De súpeto, fun consciente de que estaba vulnerando os meus dereitos, pero vía o meu fillo chorando e tan maliño que o único que pensei foi que se non cambiaba de lingua ía atenderme mal".

A nai explica que mudou de idioma e que mesmo se viu obrigada a exercer de tradutora do seu propio fillo cando se decatou de que "a pediatra ignoraba as explicacións do pequeno ao  contestarlle en galego ás súas preguntas". Rute Pallares denuncia "unha sensación de desprotección absoluta, a vulneración dos nosos dereitos lingüísticos e un abuso de poder" que non se debera producir baixo ningunha circunstancia. Tecnicamente, asegura, a atención foi correcta, pero nese primeiro encontro, a falta de empatía da profesional de urxencias que os asistiu comprometeu o seu dereito á saúde e ao galego, engade.

"Despois dunha hora de espera volveunos atender e, entón, xa non nos pediu que cambiásemos. Non sei que pasou nese tempo, pero ela seguiu en castelán e nós en galego, escoitounos e entendémonos".

Sentirse acollido

No limiar do capítulo dedicado á Sanidade do Plan de normalización lingüística da Xunta da Galiza, o texto recorda que "calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada: isto implica, nos casos nos que interveña a comunicación oral, sentirse acollido na súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade da persoa que se quere auxiliar". Esta recomendación amparada polo marco normativo, na práctica non sempre ten efecto nin conta co recoñecemento das  profesionais sanitarias que integran o Servizo Galego da Saúde.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística manteñen que o caso que denunciou Rute Pallares a través da Liña do Galego "non é illado", só que moitos non saen á luz. En 2018 o Sergas acaparou 12% das máis de 300 queixas rexistradas por non respectaren os dereitos lingüísticos das galegofalantes. "Se no ámbito privado estas faltas xa son repugnantes, sono máis aínda nun servizo público, obrigado a recoñecer e garantir os dereitos da poboación". "E se atacas o idioma na sanidade pública, vulneras tamén o dereito á saúde e, neste caso particular, os dereitos da infancia", salientan.

Após a súa experiencia, Rute Pallares recoñece que volverá mudar de lingua se de novo volve ver comprometida a saúde dos seus fillos. "Se é a miña calidade asistencial a que está en xogo, pelexaría no momento por que se respectasen os meus dereitos lingüísticos". E recoñece que xa o fixo hai 15 anos cando unha enfermeira da Atención Primaria lle pediu facer en castelán un expediente médico que recollese todo o seu historial. "Levounos tres horas, pero non cedín", afirma. 

Agora, aproveita a súa denuncia pública para pór en evidencia a falta de empatía das profesionais sanitarias que, podendo poñerse do lado de quen as necesita, aproveitan a vulnerabilidade das doentes máis febles para abusar do seu poder ou da súa superioridade técnica.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios