Denúnciao A Mesa

A reivindicación dun veciño de Rianxo de ser atendido en galego remata nunha multa de 600 euros da Delegación do Goberno

Pediu ser atendido en galego nun cribado da Covid19 en Rianxo. Segundo denuncia A Mesa, os axentes instárono a empregar o castelán e denunciaron este cidadá por "alteración da seguridade". 
EuropaPress_3424832_cola_cribado_coronavirus_realizado_santiago_24_octubre_2020
photo_camera Imaxe de arquivo dun cribado de Covid (Foto: Europa Press)

A Mesa pola Normalización denuncia que a delegación do Goberno español en Galiza propón sancionar un cidadán cunha multa de 600 euros por reclamar ser atendido en galego nun cribado da Covid19. Os feitos sucederon o pasado 17 de abril de 2021, en Rianxo, cando o cidadán non só recibiu unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua senón que mesmo se lle chegou a negar a realización do cribado.

Perante a súa indignación, sinala A Mesa, interveu a Policía Local que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- o instou a mudar de lingua e empregar o castelán, “tentando explicar a esta persoa que ambas linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.

A entidade de defensa da lingua salienta a importancia duns feitos que en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “demostran que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo”.

A Delegación do Goberno "avalou o informe emitido polos axentes, deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por seren veciñas da vítima (como todas as citadas para o cribado)

“Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos”, explica Maceira, “os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e a delegación do Goberno afonda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propondo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600 euros”.

En efecto, prosegue A Mesa nun comunicado, a Delegación do Goberno "avalou o informe emitido polos axentes, deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por seren veciñas da vítima (como todas as citadas para o cribado)".

Neste sentido, a Mesa destaca “a falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola delegación do goberno español en Galiza”, que chega a cuestionar a comprensíbel indignación dun cidadán “solo por decirle que el personal médico no tenía la obligación de hablarle en gallego”.

A Mesa advirte que con esa afirmación a delegación do Goberno nega validez a un dereito recollido nos artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; ao art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; e ao artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Tampouco contempla, di A Mesa, a posibilidade de que en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015 "estamos perante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública".

A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego, xa se dirixiu á delegación do goberno, instándoa a suspender o procedemento contra o cidadán e a abrir dilixencias contra os policías. A Mesa solicita tamén que se forme os membros das forzas de seguranza nos dereitos lingüísticos da cidadanía para evitar que se repitan feitos como este.

Policía

En resposta ás acusacións da Mesa, o xefe da Policía de Rianxo, Raúl Frieiro, sinalou a través do FB deste corpo: "Nós non entramos en cuestións lingüísticas. Fomos chamados porque estaba alterando a orde nun dispositivo de cribado en plena pandemia".

Frieiro engadiu que, coa súa actitude, o denunciante incluso interrompeu o desenvolvemento da actividade no centro médico e que «faltou ao respecto aos axentes actuantes»"

Comentarios