No Pantin Classic deixan o galego fóra de onda

A competición que celebra estes días a súa XXVI edición, marxina o galego malia os apoios públicos que recibe. Unha actitude que xerou malestar tamén entre o colectivo de surfeir@s de Galiza

Surf

Galiza, ‘Galifornia’. O paraíso para @s surfistas. País de praias moi acaídas para gozar sobre unha táboa de surf. Unha terra que acolle algunhas das probas e campionatos de renome e prestixio internacional dentro desta modalidade. Mais, polo que semella en citas como a de ‘Pantin Classic’, un país mudo no seu propio idioma. O galego, descabalgado das ondas do Atlántico.

Semella que en Galifornia, un paraíso para o surf, na táboa só colle o español

Isto é o que vén de denunciar A Mesa. “Constatamos que na locución por megafonía, na páxina web e na información xeral da revista que se reparte sobre o evento deportivo o galego, non existe” .A obsesión por amosar o español como a lingua propia da Galiza “chega ao esperpento cando vemos ao presidente da Deputación da Coruña ou ao alcalde de Ferrol facendo saúdos institucionais en castelán, vulnerando a normativa de promoción do galego das institucións públicas que representan”.

Orgullo

Esta situación xerou malestar tamén no ámbito do mundo do surf galego, onde a conciencia de ter idioma e cultura propia vai da man co goce das ondas sobre unha táboa de surf. Como en Euskal Herria, onde o mundo do surf está na vangarda da defensa do seu idioma, mesmo facendo diso bandeira surfeir@s vasc@s de prestixio internacional, ademais de defender a creación dunha selección nacional vasca de surf.

“Ridículo”

O Vicepresidente da Mesa, Carlos Outeiro, salienta “o ridículo puido ser maior de non se traduciren ao inglés parte das explicacións e comentarios feitos por megafonía así como información da web. Na revista este esforzo esgotouse no título SurfingNews, aparecendo toda a información xeral só en castelán” apuntando asemade que “entre participantes e visitantes a presenza de persoas de distintos continentes é moi importante, mesmo un nutrido grupo de Portugal e Brasil alén, obviamente, da Galiza”

Comentarios