Multiplicar vontades no Parlamento a prol do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística reúnese cos grupos parlamentares do PSdG, En Marea e o BNG.

BNG a mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse cos grupos parlamentares do PSdG, En Marea e o BNG para falar dos diferentes puntos que recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).  A intención da Mesa nestas xuntanzas é poñer en evidencia “o incumprimento sistemático das accións favorábeis á lingua acordadas polo propio Parlamento”, como o mencionado plan ou tratados internacionais como a Carta Europea de Linguas minorizadas. “Reverter o proceso de desgaleguización provocado pola exclusión do galego de todos os ámbitos é posíbel se existir vontade”, mantén a organización.

A Mesa salienta que todos os partidos da oposición mostraron o seu apoio á  proposta e ratificaron a súa adhesión á Declaración de Unidade a prol da Lingua Galega promovida pola Mesa e que incluía tanto o PXNLG como a Carta Europea ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.

“Os representante dos grupos parlamentares comprometéronse a facer seguimento dos diferentes acordos en relación ao galego para garantir a súa aplicación por parte do goberno galego”.

Comentarios