A nova lei do audiovisual entra en vigor este sábado

A lei aprobouse co rexeitamento de BNG, ERC, VOX, Más Madrid, Junts per Cataluña, Geroa Bai e EH Bildu.
Rodaxe da webserie Amnesia 3.0 (Imaxe: Zaira Pallas).
photo_camera Rodaxe da webserie Amnesia 3.0 (Imaxe: Zaira Pallas).

A nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual entra en vigor este sábado 9 de xullo e dá tres meses de marxe para adaptarse á norma aos fornecedores do servizo de intercambio de vídeos a través de plataforma como Youtube, tras ser publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo estabelece o texto publicado no BOE, os artigos 88 a 91 do título V entrarán en vigor transcorrido un prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei. Ditos artigos refírense ás obrigas das plataformas como Youtube para a protección dos usuarios e dos menores fronte a determinados contidos audiovisuais.

O Pleno do Senado aprobou o pasado 22 de xuño, sen ningún cambio, o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, grazas ao apoio do PSOE e o PNV e a abstención do PP, como xa ocorrese no trámite en comisión. En cambio, foi rexeitado por BNG, ERC, VOX, Más Madrid, Junts per Cataluña, Geroa Bai e EH Bildu, moi críticos pola negativa a introducir cambios no Senado e coa definición de produtor independente.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexeitou a Lei debido a que, ao seu xuízo, "non garante a presenza do galego". O deputado do Bloque explicou que votou 'non' porque a Lei non garante a presenza de todas as linguas oficiais do Estado, e polo tanto do galego, xa que "deixa aos produtores independentes ao pé dos cabalos do duopolio televisivo, non asegura cotas que reduzan a fenda de xénero, e abre a porta á privatización dos medios públicos”.


 

Principios xerais da lei 

A norma inclúe uns principios xerais aplicábeis a todo o ámbito audiovisual: a dignidade humana; a protección dos usuarios respecto de contidos que atentan contra a dignidade da muller; a obriga de transmitir unha imaxe respectuosa e apreciativa das persoas con discapacidade; a promoción do pluralismo lingüístico existente no Estado; e a veracidade da información. Así mesmo, a Lei promove a autorregulación e a corregulación no ámbito audiovisual.

En relación coa protección de menores, a Lei obriga a todos os fornecedores a facilitar información sobre o contido que pode ser prexudicial para eles mediante sistemas de cualificación por idades e aqueles programas cuxa cualificación sexa 'non recomendada para menores de 18 anos' terán que emitirse entre as 22.00 horas e as 6.00 horas.

Entre outras cuestións, a norma flexibiliza os límites da publicidade nos servizos de televisión lineal (en aberto e de pago) de acordo co marcado na Directiva europea. Así, pásase dun límite de 12 minutos por hora a un límite máximo de 144 minutos entre as 6.00 horas da mañá e as 18.00 horas, e a un límite máximo de 72 minutos entre as 18.00 e as 24.00 horas.

En materia de promoción de obra audiovisual europea, obrígase aos fornecedores do servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal a reservar polo menos o 51% do tempo de emisión a obras audiovisuais europeas. Desa porcentaxe, o 50% se reserva a obras en castelán ou nalgunha das linguas oficiais do Estado. Desta subcota, RTVE reservará un mínimo do 15% a obras audiovisuais nalgunha das linguas oficiais do Estado, tendo en conta a poboación e reservando un 10% para cada unha.

No caso dos fornecedores do servizo de comunicación audiovisual televisivo a petición deberán reservar un 30% do seu catálogo a obras europeas. A metade (15%) deberán ser obras en linguas oficiais en España e, desa subcuota, o 40% deberán ser obras audiovisuais nalgunha das linguas oficiais das comunidades, tendo en conta a poboación e reservando, polo menos, un 10% para cada unha delas.

Por outra banda, no que se refire a o financiamento anticipado da obra audiovisual europea, estabelécese unha excepción ao principio de país de orixe, xa que calquera fornecedor do servizo de comunicación audiovisual televisivo que ofreza o seu servizo no Estado deberá contribuír ao financiamento anticipado da obra audiovisual europea.



Produción independente

Os operadores obrigados terán que destinar o 3,5% a obra audiovisual en calquera formato, que deberá realizarse en castelán ou nalgunha das linguas do Estadofronte ao 0,9% actual; e, doutra banda, destinar o 2% ao financiamento de cinema de produtor independente, que deberá realizarse tamén nalgunha das linguas oficiais do Estado, fronte ao 1,8% vixente.

Entra tamén vigor este sábado a polémica definición de produtor independente e que suscitou o rexeitamento de numerosos profesionais e asociacións de produtores do mundo do cinema e a televisión. O sector da produción independente chegou a levar as súas reivindicacións ao Festival de Cannes e non descarta ir a Bruxelas coas súas reclamacións. O Goberno indicou que a definición será máis estrita na futura Lei do Cinema.

O texto lexislativo estabelece que o financiamento de RTVE se realice con achegas de todos os axentes presentes no mercado audiovisual que compiten pola mesma audiencia: televisión lineal en aberto; televisión lineal de pagamento; fornecedores de vídeo baixo demanda; e plataformas de intercambio de vídeos.

Finalmente, esta achega deberán realizala fornecedores establecidos no Estado, así como os que estean noutro país da Unión Europea, sempre que ofrezan os seus servizos dentro do Estado español. Así mesmo, elimínase a achega directa que realizan os operadores de telecomunicacións pola parte do seu negocio que non se corresponda á actividade audiovisual.

Comentarios