A Mesa reitera a petición de demisión ou cesamento da valedora do Pobo

Milagros Otero notifícalle á asociación que non tramitará unha queixa pola exclusión da opción en galego alegando non querer multiplicar a carga de traballo.

Concentración contra a Valedora do Pobo. Foto A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística volveu pedir, como xa fixera en outubro pasado, a demisión ou cese de Milagros Otero como Valedora do Pobo por mor “da súa actitude contra o galego e ante as negativas a aceptar queixas sobre a vulneración de dereitos lingüísticos”.

O presidente da Mesa Marcos Maceira, dixo que a asociación viña de recibir unha notificación desa institución sobre unha queixa, pola ausencia do galego nunha App para o servizo público de estacionamento do Concello de Santiago, que non será tramitada por entender que “multiplica a carga de traballo das administracións públicas”. A valedora fecha o trámite derivando a queixa a outra institución o que para a Mesa é unha mostra de abandono de funcións.


Maceira exemplificou o caso con outro recente, no que El Defensor del Pueblo si admitía a trámite queixas polas dificultades para realizar trámites en galego na Axencia Tributaria. A Valedora, lembra A Mesa, só mostrou o apoio a esta queixa cando a institución estatal actuaba.

Comentarios