A Mesa lembra ao Sergas que ten que garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes

O Sergas pretende que na inscrición das oposicións se escolla a lingua do exame

A pesar da alerta por coronavirus, Feixoo convoca oposicións ao corpo de profesorado para o 20 de xuño

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o Sergas no borrador da convocatoria das oposicións aos Servizo Galego de Saúde pretende eliminar a entrega de exames nas dúas linguas oficiais como viña sendo habitual. No punto 5.1.1 do borrador recóllese, afirma a MNL; que: “O/a aspirante deberá seleccionar no formulario electrónico de inscrición o idioma, galego ou castelán, no que desexa que se lle facilite, na data de exame, o cuestionario de preguntas da parte común e específica da fase de oposición”.

Máis una vez a Consellaría de Sanidade e o Sergas pretenden incumprir a lexislación sobre a oficialidade do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía. A Mesa xa denunciou que nas anteriores convocatorias, á hora da proba se dicía textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, apuntou que “esta afirmación é un compendio de prexuízos á lingua propia de Galiza”. O estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

Así mesmo, prosegue A Mesa, a Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística,  indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

A Mesa lembra que no informe da Liña do galego de 2017 un 20% das queixas que teñen relación coa vulneración dos dereitos lingüísticos por parte das entidades e  administracións públicas son ao Sergas.

Comentarios