A Mesa cualifica a Negreira de ''acomplexado'' que teima en excluír o galego do San Xoán

O presidente da MNL, Marcos Maceira: ''O San Xoán é unha das nosas festas máis senlleiras e populares e non precisa disfrazarse de Fallas valencianas para atraer visitantes”.

fogueira cacharela san xoan coruña

Unha festa con tanta tradición e arraigo na Coruña como é a do San Xoán 'disfrazada' de falla valenciana por un alcalde “acomplexado que non cre de verdade nos valores da cidade”. A Mesa pola Normalización Lingüística critica que Carlos Negreira relegue “de novo”a lingua galega “mesmo en festividades tan tradicionais como o San Xoán”.

Para a entidade presidida por Marcos Maceira, non hai xustificación posíbel a esta actitude de “desprezo sistemático á realidade galega da Coruña” que demostra que Carlos Negreira. “O San Xoán é unha das nosas festas máis senlleiras e populares e non precisa disfrazarse de Fallas valencianas para atraer visitantes”, enfatiza Maceira.

"Teiman en excluír o galego"

A Mesa denuncia que, pouco máis dunha semana despois da presentación das actividades municipais para o San Xoán, e malia as críticas recibidas, o Concello “teime en excluír o galego de forma sistemática, tanto do espazo web como dos espazos promocionais”. En palabras de Marcos Maceira, “Negreira quere relegar o galego ao anecdótico, e por iso en todos estes materiais só aparece un rastro residual da nosa cultura: o adxectivo meiga”.

O presidente da Mesa insta o alcalde coruñés a que “deixe de ser un acomplexado” e “recoñeza a nosa cultura, as nosas tradicións e as nosas festas”, pois “é ben triste encontrarnos con que a Administración que máis debería coidar e potenciar o próximo é a que máis despreza o que nos identifica, que pensa que o noso é menos polo feito de ser noso”.

Comentarios