Maxistrado da Audiencia da Coruña di non coñecer precedente ningún do 'segundo xuízo' a Callón

Galicia Bilingüe sae en defensa do ex xuíz decano da cidade herculina, Fraga Mandián, e chama a empregar a toponimia deturpada para "decir 'no' a quienes quieren volvernos memos de remate"


O presidente da sección primeira da Audiencia provincial da Coruña, Ángel Judel, non coñece precedente ningún do interrogatorio ao que foi submetido Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, quen tivo que sentar de novo no banco d@s acusad@s imputado no mesmo caso e após unha sentenza absolutoria. Foi en relación á denuncia por supostas inxurias presentada polo que foi xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a quen Callón lle chamou a atención por dicir que empregaba "sen rubor o topónimo ilegalizado La Coruña". 

A xuíza de instrución e a fiscalía non viron caso, pois consideraron que as declaracións de Callón facían parte do dereito á liberdade de expresión. Porén, cinco anos despois, houbo xuízo e o presidente da Mesa ficou absolto. Fraga Mandián recurriu e Callón foi xulgado, outra vez, polo mesmo. O mesmo interrogatorio, agás unha pregunta que se introduciu como novidade: "sabía usted, señor Callón, que en 2008 el topónimo La Coruña era legal?"

"As sentenzas absolutorias que se basean en probas persoais son practicamente irrecorríbeis, inmodificábeis segundo o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo", sinalou en declaracións á Cadena Ser o maxistrado Judel: "eu non coñezo ningún precedente", dixo, e acrecentou que "recordo que cando se estaba nun procedemento por delito acordouse que pasara, como  moito, a un procedemento por falta polo que o tema non tiña maior entidade". As apelacións por faltas na Audiencia provincial lévaas un só maxistrado, non son salas de tres, polo que Judel achaca o 'segundo xuízo' a "un criterio particular". 

Galicia Bilingüe chama a empregar a toponimia deturpada como "símbolo de liberdad"

Malia que a sentenza en que Callón ficou absolto repasaba ao longo dunha páxina enteira toda a lexislación que recoñece 'A Coruña' como único topónimo oficial, en defensa do xuíz Fraga Mandián saíu a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. Nun artigo publicado o sábado no seu blogue e que titulou 'El juez Fraga Mandián no es una oveja', Lago emprega de maneira exclusiva a forma deturpada 'La Coruña' e chega a insinuar que é esta a correcta ao sinalar que "el juez se resiste a expresarse de manera incorrecta" na liña de que non empregaba a forma oficial e xustificando que "como redactaba sus artículos en español utilizaba el topónimo de la ciudad en este idioma".

Alén das habituais alusións á "libertad lingüística" fronte á "imposición", entende a presidenta deste grupo contrario á normalización da nosa lingua propia que "usar ese La que quieren prohibir es mucho más que un acto de corrección filológica, es decir 'no' a quienes quieren manipularnos, doblegarnos y volvernos memos de remate" e conclúe cun chamado ao uso dunha toponimia deturpada afirmando que "seguiré poniendo esas dos letras, que son un símbolo de libertad".

Comentarios