O BNG rexeita a Lei do audiovisual porque "non garante a presenza do galego"

 Na sesión plenaria desta quinta feira, o BNG conseguiu que fose aprobada unha proposición non de lei instando o Goberno español a pór fin á "discriminación fiscal" que sofren os emigrantes retornados do Estado español, xa que máis da metade son galegos.
O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, rexeitou esta quinta feira a nova Lei do audiovisual porque "non garante a presenza do galego".

Durante o debate do proxecto de lei na Cámara baixa, Rego criticou que o resultado final do texto lexislativo "non está á altura do esperado" para a formación política nin para os diversos sectores da sociedade.

O deputado do Bloque explicou que votará 'non' porque a proposta do Goberno español non garante a presenza de todas as linguas oficiais do Estado, xa que "deixa os produtores independentes ao pé dos cabalos do duopolio televisivo" e non asegura cotas que reduzan a fenda de xénero e abre a porta á privatización dos medios públicos.

"Esta lei xerou moitas expectativas en diversos sectores que, lamentabelmente, están a verse frustradas por un resultado que, aínda que supón algúns avances, non está á altura do esperado", apuntou Rego.

"Oportunidade perdida"

Para o BNG, é "especialmente preocupante" que a redacción do texto legal non garanta a presenza de todas as linguas oficiais nas plataformas ou medios públicos.

Por iso, entende que é unha "oportunidade perdida" de realmente poder avanzar na igualdade das linguas e de garantir o dereito dos galegos e galegas de poder acceder a contidos audiovisuais en galego.

Acabar coa "discriminación fiscal"

 Na sesión plenaria desta quinta feira, o BNG conseguiu que fose aprobada unha proposición non de lei instando o Goberno español a pór fin á "discriminación fiscal" que sofren os emigrantes retornados do Estado español, xa que máis da metade son galegos.

"Cremos que este é un paso importante que permitirá acabar cos problemas de dobre imposición e coas dificultades para a homologación dos certificados de discapacidade doutros países", destacou Rego.

Comentarios