Hortensia Bautista, mestra: "A escola é un gueto onde o alumnado galegofalante resulta unha anécdota"

A preocupación por transmitir a lingua e a cultura galegas, así como a contorna do val do río Tea, levou a mestra Hortensia Bautista a escribir o libro 'O bambán no vento', editado pola Fundación Eomaia. A viaxe literaria, para nenas e nenos a partir de sete anos, vén acompañada das ilustracións de Aurora Quinteiro. A súa experiencia docente sempre foi parella á defensa do idioma galego, desde os anos 80 até a súa xubilación nesta década. 
A ilustradora Aurora Quinteiro, á esquerda, xunto á autora do libro, Hortensia Bautista, á dereita (Nós Diario)
photo_camera A ilustradora Aurora Quinteiro, á esquerda, xunto á autora do libro, Hortensia Bautista, á dereita (Foto: Nós Diario)

Como definiría o libro que vén de publicar co nome de 'O bambán no vento'?

É un libro para todas as idades, aínda que está pensado para as nenas e os nenos. Está centrado en Ponteareas e na súa comarca, mais pode extrapolarse a calquera outra zona da Galiza. Recolle lembranzas pasadas da miña nenez que quedan reflectidas a través dunha viaxe pola paisaxe e pola contorna do que é o lugar onde vivo, a val do Tea. Conta a historia dunha cativa que nunha nube de algodón de azucre fai unha viaxe como se fose un bambán de vento e describe o que ve. Comeza polo Suído, pasa pola Franqueira até O Galleiro e describe a fauna e a flora que observa. 

Cal foi a súa idea ao escribilo? 

Inicialmente xurdiu para iniciar as e os escolares no que é a súa contorna, e que sintan apego por vivir nela. Ten unha linguaxe fácil. Lembro levar os netos de meu irmán a coñecer o Castro de Troña (Ponteareas) e ver que non sabían del. Máis tarde descubrín que a miña sobriña tampouco. Comenteino coas miñas compañeiras e pensei en darlles unha ferramenta para coñecer o que arrodea o río Tea. Eu notaba cando traballaba, mesmo agora que falo coas miñas compañeiras, que nas zonas que medraron moito a nivel urbano e en pouco tempo, as crianzas son alleas ao lugar e non están inmersas nel como antes. 

A publicación vai dirixida ás familias que viñeron novas, para que teñan apego pola cultura e pola paisaxe de adopción. Tamén fago unha reflexión, neste caso adulta, de como corre perigo de desaparecer o coñecemento da nosa propia historia, a nosa cultura e a nosa lingua. Introduzo tamén elementos que están de actualidade como é a emigración e os incendios mais cunha mensaxe final de esperanza. Que se sintan orgullosas e orgullosos do lugar onde están a vivir.

Quen é responsábel da desaparición cada vez máis rápida da nosa lingua? 

Unha parte moi importante son as familias. Antes toda a comunicación facíase nelas. Na miña infancia na escola había que falar en castelán, mais no rural todas e todos falabamos en galego. As nosas iguais falaban en galego. Cando a concentración escolar comezou a perderse a fala. Ao comezar no ensino, nos 80, podía ter dous escolares castelanfalantes, e cando rematei había cursos sen ningún galegofalante de 25 que tiña. É a perda do apego. Quen ten que o pór en valor son as institucións educativas e administrativas. Eu vexo como en materias como Música non se dá a nosa música, non se cantan as nosas cantigas. En realidade non interesa fomentar iso. A escola é un gueto onde o alumnado galegofalante é unha anécdota. Cando entra un galegofalante remata falando castelán.

Logo hai unha intencionalidade política nesta situación?  

O PP eliminou o galego. O galego nos centros de ensino chegou a ser como unha lingua estranxeira. Lembro dar as matemáticas en galego e chamáronme a atención para que mudase ao castelán pola lei que aprobou Feixoo. Eu seguín a dar as matemáticas en galego. E algunhas familias, poucas, iso si, culpando a lingua de que non entenderan a materia. Por outro lado, é moi duro ver como se dan as aulas de galego en castelán. 

Alén diso, a parte positiva é a das rapazas e rapaces neofalantes que ao medrar se animan a falar en galego. Esa pode ser a nosa vía. Habería que analizar o papel das escolas na desgaleguización da sociedade galega, sobre todo nos centros das zonas urbanas. Estou segura que en moitos colexios o galego non está considerado como debería.

Comentarios