O alumnado galegofalante, protagonista do calendario 2021 da Universidade de Vigo

“Son galegofalante”, a iniciativa da Área de Normalización Lingüística.

calendario 2021 universidade de vigo

Doce meses e alumnos e alumnas galegofalantes da Universidade de Vigo contando as súas experiencias, desexos ou consellos en torno ao idioma propio de Galiza. Esta é a idea que se plasma no Calendario 2021 editado pola Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo e que este ano pon no centro ao alumnado falante de galego.

“Malia que somos conscientes de estarmos ante un desafío preocupante e urxente para o futuro do idioma, cómpre recoñecer o labor que, consciente ou inconscientemente, realizan as e os estudantes que deciden vivir en galego na súa cotiandade universitaria”, indican desde a ANL.

Diego, Sara, Sandra, Ana ou Lucas falan nas páxinas do calendario da súa experiencia como falantes de galego no ámbito universitario, e non só nel, e das posibilidades abertas para dar o paso e ser galegofalante.

“Desde a entrada na universidade sentinme máis cómodo á hora de falar galego en comparación co instituto”, afirma Diego Vázquez, estudante de 3º de Educación Primaria no Campus de Ourense. “A universidade é un espazo no que te podes sentir moi cómoda falando galego”, apunta Ana Rodríguez, que cursa 4º de Enxeñería Informática.

Alejandro Guzmán, 2º de Dirección e Xestión Pública, reflexiona sobre a lingua: “Ás veces á xente dálle por pensar que o galego é unha lingua do rural, de xente maior exclusivamente, que non vai co mundo moderno, que non é nada útil, mesmo ás veces pensan que pode ser unha lingua imposta, malia ser a propia do territorio”.

Valeria Martínez, 4º de Belas Artes: “Gústame moito falar galego, amo o idioma, creo que é moi necesario falalo, sexas neofalante, sexas falante de toda a vida. Na universidade hai posibilidades para o galego, pero fan falta tamén ganas e esforzo por parte de todas e todos”.

“Na universidade eu falo galego e non teño a necesidade de cambiar de idioma. Aínda que me falen en castelán, eu respondo sempre en galego. O galego é o idioma que deberiamos preservar”, di Sara Fernández, 1º de Xeografía e Historia.

Comentarios