Ginzo, Noya, La Coruña, Vivero... os topónimos deturpados que "impón" a Consellaría de Facenda

A Mesa denuncia que a Axencia Tributaria de Galiza "pretende impor nomes deturpados nos correos electrónicos das oficinas liquidadoras".

dependencias de atriga imaxe de arquivo foto (Atriga)
photo_camera Dependencias da Axencia Tributaria Galega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Atriga)

A Mesa pola Normalización Lingüística informa esta segunda feira que recibiu, a través da Liña do Galego, a solicitude de amparo do funcionariado de varias oficinas liquidadoras da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) “diante da pretensión da Consellaría de Facenda de imporlles o uso de direccións de correo con topónimos deturpados, como Viana del Bollo, Noya ou Ginzo”.

O funcionariado, afirma A Mesa, advirte que o proceso leva en marcha dende abril de 2023, cando desde a Consellaría se lles informou de que debían empregar os enderezos deturpados e se lles advertiu que os antigos, cos topónimos correctos, deixarían de funcionar. Funcionarios e funcionarias de diferentes oficinas transmitiron á Mesa “vergoña” por ter que informar ás persoas usuarias da existencia destes novos enderezos.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denuncia que esta acción da Consellaría de Facenda pretende “saltarse directamente” a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 10.1 establece que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”, no 10.3 que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas”.

“Faino ademais”, lamenta Maceira, “en enderezos electrónicos que terán que ser empregados pola cidadanía como únicos válidos e en trámites obrigatorios”.

Para A Mesa, que xa lle pediu tanto á Consellaría de Facenda como á Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo que “rectifiquen e repoñan a legalidade inmediatamente”, esta acción é “un desprezo absoluto pola lingua e pola toponimia  galega, mostra gravada no territorio da súa existencia”.

 “Con esta acción”, afirma Maceira, “a Xunta non agocha a súa intención de eliminar calquera rastro da presenza da lingua e cultura galega no seu propio territorio”.

O presidente da entidade de defensa da lingua considera que é a reacción do funcionariado o que, “afortunadamente, está a ralentizar o proceso de deturpación da nosa toponimia por parte de quen debera defendela” e recorda que a Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta.

Comentarios