Galego, euskera e catalán quedan fóra da nova Lei Audiovisual estatal

As linguas cooficiais do Estado español foron excluídas da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual para ver garantida a súa protección nas plataformas de contidos á carta. O proxecto non recolle ningunha das demandas a favor do  galego, euskara, catalán, segundo adianta 'El Periódico'.

Unha persoa visualiza Netflix no seu teléfono móbil. (Foto: Europa Press)

O Goberno español exclúe do novo proxecto da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual a protección ás linguas cooficiais do Estado – galego, euskara, catalán–, en plataformas de contidos á carta como  Netflix,  HBO ou  Amazon Prime. Segundo unha información de ‘El Periódico’, a norma recolle que polo menos o 50% “da cota dedicada a obras audiovisuais europeas debe reservarse a obras en castelán ou nas linguas cooficiais autonómicas”, mais sen determinar unha porcentaxe concreta para estas últimas.

Desta maneira, na segunda fase de audiencia pública, o Executivo estatal non tivo en conta as peticións de diferentes institucións, plataformas e entidades, que reclamaba un 50% da cota de obras en linguas do Estado español fose en  euskara, catalán ou galego.

Concretamente, establécese que un 30% das obras do catálogo das plataformas de contidos debe estar dedicado a obras europeas e, á súa vez, polo menos un 50% destas “será reservado para producións en castelán ou nalgunha das outras linguas do Estado”. Unha redacción que non inclúe garantía algunha para acometer a protección das linguas cooficiais.

O mesmo ocorre nos investimentos de obras audiovisuais. O proxecto indica que os prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisivo cuns ingresos superiores a 50 millóns de euros deberán financiar obras europeas cun 5% dese diñeiro. En cambio, desa cantidade, “un mínimo dun 70% deberá ir dirixida a obra de produtores independentes na lingua oficial do Estado ou nalgunha das linguas oficiais das comunidades autónomas”.

De novo en situación de desvantaxe, entidades e colectivos propuñan que esa porcentaxe aumentase do 5% ao 10% e con iso poder financiar obras en  euskara, catalán ou galego, aínda que esta petición non se recolleu na nova versión, segundo este adianto. Apúntase que o Goberno aprobará o proxecto de modo inminente, quizais esta terza no Consello de Ministros

Sinaturas

A Iniciativa Xabarín, refrendada con máis de 33.000 sinaturas e co acordo unánime do Parlamento galego, exixía -ademais de aumentar a programación infantil de calidade nas canles da CRTVG- garantir o acceso a todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e lexendada, así como informacións e audiodescricións en galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordaba que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Pode resistir un idioma nestas condicións?”, preguntaba Maceira.

Comentarios