venres 23/07/21

Demandan un mínimo de contidos en galego na programación audiovisual de plataformas dixitais e TVE

Arrinca a segunda fase da “Iniciativa Xabarín”

a mesa
Presentación da campaña

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e de entidades culturais e educativas presentaron en Compostela a campaña ‘Queremos galego no audiovisua’l, coa que arrinca a segunda fase da “Iniciativa Xabarín” para conseguir que se garanta unha presenza equitativa do galego no proxecto de lei xeral de comunicación audiovisual que está a se elaborado no Estado e que se presentará nos próximos meses.

A Iniciativa Xabarín, refrendada con máis de 33.000 sinaturas e co acordo unánime do Parlamento galego, exixía -ademais de aumentar a programación infantil de calidade nas canles da CRTVG- garantir o acceso a todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e lexendada, así como informacións e audiodescricións en galego.

Neste sentido, ademais de promover os acordos do Parlamento galego coas produtoras e distribuidoras de contidos, a Inicativa Xabarín instaba a que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual “recoñecese a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe, e audiodescricións nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda”.

Marcos Maceira recorda que dos 25.872 títulos dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua.

A Mesa enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar o cumprimento do artigo 42 da Iniciativa Xabarín, que permita a reciprocidade con Portugal a través do estabelecimento de dúas canles múltiplex para Galiza.

En relación á demanda de dobraxe e lexedanxe por parte de TVE, tamén incluída na Iniciativa Xabarín, a Mesa pola Normalización dirixiuse en tres ocasións tanto á dirección deRTVE para informalos do desenvolvemento da campaña  e para solicitar un encontro onde concretar a proposta da Mesa e do Parlamento galego. A dirección estatal de TVE non deu nengunha resposta.

“Comezamos a segunda fase da Iniciativa Xabarín para levantar de vez o bloqueo á presenza do galego no audiovisual”, di Maceira

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Pode resistir un idioma nestas condicións?”, pregunta Maceira. “Comezamos a segunda fase da Iniciativa Xabarín para levantar de vez o bloqueo á presenza do galego no audiovisual”, indica, “como país non podemos perder esta oportunidade que, ademais, tería un beneficio directo na economía galega, nomeadamente no sector cultural”.

comentarios