O 'feísmo lingüístico' na Galiza, a concurso!

O centro social compostelán A Gentalha do Pichel chama a "fotografar unha realidade que debe ser invertida": a do desleixo polo noso idioma.

feismo
photo_camera Imaxe a concurso [Gentalha]


Calamares da ría, pulpo, bizcochos, moletes e ciruelas do país. Son algúns dos pratos que hai no menú do feísmo lingüístico que azouta Galiza.

"A nosa lingua poderá deixar de existir porque a súa comunidade de falantes decida deixar de a falar; mais tamén pode diluírse nun castellano que cada día parece gozar de máis vantaxes dentro do propio galego". O aviso a (galego)falantes chega desde o centro social compostelán A Gentalha do Pichel, que vén de convocar un concurso en que chama a fotografar "unha realidade que debe ser invertida": a do desleixo polo noso idioma.

"Non é a nosa intención ridiculizar, rir nen insultar ninguén", explican. Porén, entenden que vai sendo hora de que as denuncias de feísmo que se fan a respeito do urbanismo cheguen tamén á lingua. Os exemplos son numerosos. Só cómpre fotografalos para deixar constancia do estado "de degradación" en que se atopa o galego, "moitas veces tan hibridizado que xa nen se identifica coa lingua propia".

En definitiva, a da Gentalha é unha proposta lúdica mais tamén de denuncia. O centro social recibirá imaxes até o vindeiro 6 de xaneiro e advirten de que poderán ser eliminadas do concurso aquelas que conteñan referencias ao lugar (público ou privado) onde foron tomadas "pois non é a nosa intención facer burla". Haberá dúas votacións: unha do público e outra dun xurado. O premio para a instantánea que gañe na primeira será un lote de produtos da Gentalha; para a seleccionada na segunda haberá un bono de 100 euros para gastar nos locais do Projecto Pontos, aqueles que empregan a nosa lingua.

Comentarios