Feijóo varre o galego das escolas infantís: só o 9% imparte ''algo'' na lingua propia nas cidades

A Mesa presenta o seu informe sobre a presenza do noso idioma na educación infantil. Colexios enquisados recoñecen que as aulas se imparten en galego ''por un voto de diferenza'', ou que a escolla de nais e pais non se respecta ''porque no centro sabemos que teñen que ser educados en español''

Só o 9% dos 282 centros infantís da Galiza "declara" impartir algunha materia en galego, e só o 3% as impartiría todas. A consellaría de Educación incumpre até o seu propio decreto, que reserva para a lingua propia entre o 33% e o 50% das materias. O dato leva a Carlos Callón, presidente da Mesa pola normalización, a concluír que "o varrido da nosa lingua no ensino acentuouse de forma acusada".

Botanto a vista atrás, aínda era Manuel Fraga o presidente da Xunta de Galiza cando Anxo Lorenzo, quen despois sería secretario xeral de Política lingüística con Feijóo, publicaba un informe en que declaraba que a nosa lingua se atopada nunha situación de "desprotección clamorosa".

Ano 2005, cambio de goberno. BNG e PSOE sacan adiante un decreto para regular a presencia do galego nas aulas que conta co apoio da comunidade educativa e "nun primeiro momento, incluso do propio PP", recorda Callón, que esta terza feira compareceu en conferencia de prensa para presentar o estudo sobre a situación lingüística na educación infantil no actual curso escolar.

Decreto do bipartito: só o 35% dos centros respectan a mínima presencia do galego
Para facer un debuxo o máis atinado posíbel do panorama actual, Callón optou por comparar os datos tirados de distintos informes elaborados pola institución que preside. Así, no curso académico 2008-2009, coa normativa do goberno bipartito en vigor, o inquérito revelou cifras "xa preocupantes": só o 35% dos centros de educación infantil fincados nas sete cidades "declaraban que impartían" o mínimo do 50% en galego. "E declarar non é facer", recalca Callón. Seguidamente coloca os números recollidos só dous anos despois: ese mínimo impartíase unicamente no 10% das escolas.

Dos 282 centros que A Mesa entrevistou, 9 --o 3%-- dixeron impartir todas as aulas en galego; 3 --o 1%-- aclararon que dispuñan de dúas liñas de ensino, unha en español e outra na lingua propia; e 14 --o 5%-- explicou que as materias se imparten en español ou en galego. "As cifras claman ao ceo", espetou Callón unha vez botada a conta cuxo resultado é que unicamente o 9% das escolas en que estudan as crianzas da Galiza imparte "algo" do seu currículo no idioma do país. 

''Os pais escolleron galego, mais nós sabiamos que tiñan que ser educados en español''
Porén e para alén das cifras, o estudo deixou tamén anécdotas "alarmantes". Así, nun centro de Vigo quen atendeu o teléfono recoñeceu que todas as
materias se imparten en español porque foi esa a lingua escollida por nais e pais "cun voto de diferenza" sobre o galego.

E nunha escola de Compostela "non tiveron reparo ningún" en recoñecer que, aínda que @s proxenitor@s escolleron o galego como lingua para o ensino das súas crianzas "nós sabiamos que era o español o idioma en que debían ser educados e impartimos as aulas en español", parafraseou Callón, acrecentando que ese "algo" impartido en galego "ben podería ser unha cancionciña unha vez ao mes".

Comentarios