Campaña de familias galegofalantes para denunciar no Tribunal de Estrasburgo a vulneración dos dereitos lingüísticos

Cartas asinadas para apoderar RAG na "defensa dos dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua dos nosos fillos e fillas" diante do Tribunal europeo

Tribunal de Estrasburgo
photo_camera Tribunal de Estrasburgo

“Ano tras ano vemos como os nosos fillos e fillas, menores de idade, perden cada día capacidades para se comunicar na súa lingua materna a medida que comezan a súa inmersión no sistema educativo”. Así comeza a exposición de motivos da carta-denuncia de discriminación lingüística que están a impulsar familias galego-falantes, e que recolle Prolingua, para levar perante o Tribunal de Estrasburgo o que consideran que é unha vulneración de dereitos lingüísticos. As cartas van dirixidas á Real Academia Galega, á que “apoderamos expresamente”, como se di na misiva,  para que “siga adiante na defensa dos dereitos dos nosos fillos perante o Tribunal de Estrasburgo” como institución que ten “atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da nosa lingua común”.

“O galego na práctica esta sendo ensinado como unha lingua estranxeira en Galicia, e subtráeselles aos nosos nenos e nenas o seu dereito de uso do galego como lingua vehicular de aprendizaxe”.

Na exposición, estas familias lembran que emcora estar recoñecida xuridicamente a oficialidade do galego, “as persoas galego-falantes nunca acadamos unha situación de igualdade”. Algo que se comproba con facilidade nas crainzas. “Os nosos fillos teñen escasas oportunidades de actuar nos ámbitos da súa vida en lingua galega, especialmente nas cidades. Vemos como os libros de lectura en lingua galega van ocupando espazos cada vez máis reducidos nas bibliotecas escolares, vemos que os nosos fillos de idades moi curtas abandonan a lingua materna por considerárena “rara” fóra do ámbito familiar.”

Situación agravada polo 'decretazo'

Esta situación viuse agravada no ámbito educativo e afectou aos dereitos dos menores coa aprobación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. “Os nosos fillos sofren unha grave discriminación ao non se poderen escolarizar na súa lingua materna, oficial e autóctona de Galicia, e ao se reducir a presenza da lingua galega na escola, tanto cuantitiva coma cualitativamente”. E iso plásmase en que o galego “na práctica esta sendo ensinado como unha lingua estranxeira en Galicia”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios