Suceso editorial dunha axenda escolar en galego

Unha das poucas axendas escolares en galego dispoñíbel no mercado, iniciativa do estudio de deseño IdeiaGráfica.net, está a piques de esgotar a súa tiraxe. "Sei que gustou", explica o deseñador gráfico responsábel da mesma, Daniel Alexandre Martínez Ces, "pero xa non quedan máis que os exemplares distribuídos en librarías e papelarías". É o segundo curso consecutivo en que existe a posibilidade de adquirir esta axenda en galego.
 

axenda escolar
photo_camera Imaxe da axenda escolar de IdeiaGráfica.net.

A idea de Martínez Ces procede da propia experiencia. Pai dun cativo, observou "que non existía ningunha axenda escolar en galego, só unha bilingüe editada por unha empresa catalá". Esta ferramente é agora moi solicitada polo profesorado. "Decidimos fabricar unha, e intentamos achegar algo máis". As conversas coa súa nai, de profesión mestra, axudáronlle a perfilar o proxecto.

Unha axenda "o máis laica posíbel", en que aparecen sinaladas datas como o Día da Paz ou o Día contra a violencia machista, e mensaxes de ánimo é o contraposto á fasquía habitual destes materiais. "Están ateigados de mensaxes negativas, páxinas para anotar que se portan mal nas aulas. Nós procuramos evitalas", engade.

Dirixida ao alumnado dentre 8 e 15 anos, a axenda escolar de IdeiaGráfica.net ten unha tiraxe de 300 exemplares.

Nota de corrección: a de IdeiaGrafica.net non é a única axenda en galego dispoñíbel no mercado.

Comentarios