martes 22/06/21

Entroido, Entruido, Antroido, Antruido, Introido, Entrudo... e ti como lle chamas?

Filloas, orellas, flores, lacón con grelos... estamos no medio do Entroido, aínda que este ano a celebración se reduza ao espazo virtual por mor da Covid-19. As variantes nas vestimentas e máscaras tamén atinxen o léxico. Antroido, Entrudo... por que forma te decantas ti?
mapoa portada
Mapa elaborado polo ILG.

mapaA Covid-19 obrigou a interromper tradicións que se conservan desde hai séculos, como o Entroido, que se reinventa este ano para saltar as redes mais no que non faltan a comida e sobremesas típicas. E ti, como te refires a esta época do ano?

A palabra Entroido ten a súa orixe no latín introitus, cuxo significado é entrada, nomeadamente, alén do aspecto relixioso -a Coresma-, a respecto da primavera

A forma estándar é Entroido, mais de acordo co Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Galiza tamén se documentan outras variantes para nos referir á mesma celebración: antroido, entroiro, antroiro, entruido, entrudio.

A forma carnaval, segundo o ILG, recolleuse como segunda resposta en Sada, Rianxo, Navia de Suarna, Ribas de Sil, Agolada, Vigo e Baiona; e como primeira resposta en Toques e Porto do Son.

Todas as opcións recollidas polo ILG teñen a súa orixe na palabra medieval 'entroido', que aparece documentada no galego desde 1251. Só hai unha excepción: carnaval, de procedencia italiana.

O Tesouro Informatizado da Lingua Galega, a base de datos lexicográfica que comprende máis de de mil obras e que rexistra as palabras en función do seu uso por parte de autoras e autores desde o ano 1812 até a actualidade, dá conta de 15 variantes da palabra, recollida máis de 1.400 veces.

Entroido é, como diciamos, a forma máis usada, pasando das 800 veces e antroido pasa das 500. Outras formas referidas son antroide, antroiro, antrudio, antruido, entrudio, entrudo, entruido, intrudio, intruido, ’ntroido, ‘ntroiro ou n’truido, mais entre elas non suman un cento de veces.

Nos mapas

O organismo dependente da USC elaborou os mapas de uso das diferentes opcións a partir dos datos do Atlas Lingüístico Galego, que poden consultarse nos diferentes volumes desta publicación e cuxos datos foron recollidos na década dos anos setenta do século pasado.

As formas escollidas alén Miño son Entrudo e Intrudo, segundo informa a Associaçom Galega da Língua (AGAL).

Cóntanos nos comentarios como lle chamas ti á celebración típica desta época do ano e dinos de onde procedes.

comentarios