Como dicilo?

Empinar o cóbado

cunca
photo_camera Unha cunca de viño

Temos lido ás veces  -mesmo en publicacións especializadas galegas-  a frase empinar o cóbado, que é un simple calco do español empinar el codo. Como é ben coñecido, significa beber e úsase específicamente para o viño (e en xeral para as bebidas alcohólicas), referíndose a inxerilo en cantidade, en exceso, ou repetidamente. A expresión procede da postura de erguer o brazo cun recipiente na man, en xeral unha bota, odre ou porrón. Orixinalmente bebíase deixando caír o líquido na boca dende unha certa altura (o que se chama beber á vitola, beber de chope ou beber á catalá) mais hoxe en xeral bébese directamente dun vaso, cunca, botelliña, etc.

En galego e na maioría das linguas o campo léxico de beber viño/tomar alcohol é moi amplo. Dende a acción e as modalidades de beber até as consecuencias de inxerir de máis. Non imos facer aquí unha exposición detallada das moitísimas expresións que existen senón darmos unhas  poucas indicacións elementais para que sexan completadas por lectoras e lectores.

A cantidade non moi grande que se traga dunha vez é un grolo, un goto, un chopo, un groucho, un sorbo, un gulapo, etc. E, naturalmente, un trago. Beber así, aos pouquiños, é bibichar ou golechar. Claro que, por uso retranqueiro, o pouco pode resultar moito se é reiterado, co que a bibicha pode ser o exceso e a pinga moito viño, ou o viño en xeral.

Beber moito é beber a potes, beber ás cheas, beber coma un boi, beber coma unha esponxa, beber coma un odre,  beber coma un funil, cargar o carro, pifar, etc. E a borracheira ten múltiples denominacións que aluden á cantidade inxerida, ao ruído que se produce, ás pancadas que a persoa se dá ao camiñar, á “tinta” que leva o corpo, ao vómito, etc. como unha chea, unha trompa, unha peta, unha lura, unha ciscalleira, unha talanqueira… Os efectos deses excesos caracterizan o camiñar do bébedo (que se achega ás paredes, carga do dianteiro ou leva unha areíña no zapato), o seu falar (ten a lingua grosa) e mesmo a temperatura (vai quente, vai alumeado)

Todo ten o seu punto, e presta moito mollar a palabra, conversando arredor dunhas cuncas de viño. E tamén mollar a palleta, para termos a gorxa ben afinada e podermos cantar unha leda cantiga tradicional. Como esta da Coruña: 

Xa chegaron á Palloza

os mariñeiros de Miño;

logo ha de haber cabezudas

para remollar con viño.

Que lles preste!

Comentarios