Directora do ILG

Elisa Fernández Rei: "No plano sociolingüístico, a perda de falantes é o problema substancial"

Elisa Fernández Rei (Cervo, A Mariña, 1967) foi escollida como nova directora do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC. Leva nel desde 1991 e na actualidade formaba parte do seu Consello Científico. Ten por diante manter e promover as súas actividades.
A recentemente nomeada directora do ILG, Elisa Fernández Rei, na sede deste centro da USC (Foto: Arxina).
photo_camera A recentemente nomeada directora do ILG, Elisa Fernández Rei, na sede deste centro da USC. (Foto: Arxina)

—Como afronta a súa chegada ao ILG, un centro con 52 anos de historia?
Os cargos hai que afrontalos con ilusión e con ganas. A ilusión ten que ver con continuar o traballo que se fixo e cos novos desafíos que temos por diante. As institucións, por moita historia que teñan, sempre deben que afrontar novos contextos e o actual non é o máis favorábel.

—O ILG naceu como unha entidade de investigación. Cal é a súa situación neste ámbito?
Sempre houbo dificultades e situacións difíciles, mesmo máis que a actual. Houbo circunstancias políticas, por moi tremenda que nos pareza a actual, aínda peores. O que sempre existiu é un compromiso coa investigación e co galego. Iso foi o que tirou para adiante o instituto todos estes anos.

Temos problemas de financiamento e, sobre todo, moitas dificultades para captar e reter talento, para renovar o noso cadro de persoal investigador. Se non cambia a situación será difícil que sexa sustentábel. E non é un problema de ter dificultades financeiras durante varios anos, é que se corta o proceso de renovación que debería ser continuo. Un dos desafíos que temos diante é precisamente conseguir financiamento e poder captar talento.

—Que propostas ten na actualidade o ILG para conseguilo?
A transferencia que realizamos non está relacionada con postos de traballo, como ocorre con outras ramas. Mais agora temos o impulso importante, que non é novidoso, das tecnoloxías lingüísticas. Especialmente no desenvolvemento das tecnoloxías da fala, como o proxecto Nós no que estamos participando como un dos centros coordinadores.

O seu obxectivo non é só desenvolver tecnoloxías lingüísticas,  senón tamén crear un ecosistema de empresas que traballen no desenvolvemento de recursos e ferramentas nas que pode haber unha saída laboral.

—Unha das súas especialidades é a fonética. É un aspecto que se está deixando de lado cando se fala de recuperar falantes?
No plano sociolingüístico, a perda de falantes é o problema substancial. Son os números que falan. Despois temos outras cuestións que teñen que ver en como a lingua cambia. Pode ser por razóns de tipo interno ou externo, mais é algo que está na natureza das linguas. Hai investigacións que certifican este cambio. Esta dinámica non é fácil de controlar.

Se mudan as circunstancias históricas, sociais, económicas e políticas poderiamos ir a unha tendencia de cambio diferente. Non é un proceso controlábel. Nas accións encamiñadas a preservar non deixa de haber certo “purismo” do que consideramos que é máis puro. Outro terreo é o ensino onde si se traballa este tema.

Elisa Fernández Rei posando para 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
Elisa Fernández Rei posando para 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—As enquisas indican perda de falantes. Habería que corrixir as políticas lingüísticas que se levan facendo nos últimos anos?
Esta situación é unha responsabilidade de todas e de todos, cadaquén ten a súa parte nesta cuestión. Non todo o vai solucionar a educación, os medios de comunicación, un Goberno ou a Universidade.

É evidente o caso dos medios de comunicación e da educación, mais tamén é a responsabilidade que ten o Goberno galego nas medidas que toma. Hai que tentar levar a cabo as tarefas e accións que contribúan a que esta situación se reverta no posíbel.

No caso do ILG, debemos traballar nun maior coñecemento exterior do centro e do que realizamos. Queremos estabelecer un diálogo máis fluído co sector educativo. A idea é transferir máis coñecemento e atender as súas demandas. Temos unha responsabilidade na situación do galego e debemos contribuír na medida en que poidamos.

Comentarios