O galego segue fóra das rebaixas nos grandes centros comerciais

Co inicio das rebaixas os centros comerciais anuncian os descontos empregando, na súa gran maioría, o castelán. A profesora  Ana Fernández Soneira, da UVigo, alerta da perda da "lembranza de marca" con esta situación.
Carteis de rebaixas este sábado en dúas tendas dun centro comercial de Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carteis de rebaixas este sábado en dúas tendas dun centro comercial de Santiago. (Foto: Nós Diario)

Chega o verán e tamén as rebaixas. Para captar clientes, escaparates e interiores de estabelecementos sitúan en primeira liña, a carón do produto, rechamantes carteis anunciadores. A lingua en que están escritos identifica a empresa e o potencial cliente. O castelán segue a ser neles o idioma dominante e, malia que en moitas cidades e vilas do país as campañas de promoción do galego chegaron ao pequeno comercio, as grandes superficies néganse a empregalo.

Non existen datos concluíntes actualizados da presenza do galego neste tipo de áreas comerciais mais si algúns traballos realizados a partir de enquisas que achegan unha radiografía próxima. Neste sentido, A Mesa pola Normalización Lingüística, que leva desde os anos 80 realizando campañas por estas datas, divulgou un estudo realizado pola publicista Anabel Antela titulado A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega. O traballo non estaba centrado nas grandes áreas comerciais mais si nas empresas presentes nelas, como as que pertencen ao grupo Inditex.

Os resultados obtidos revelaron que un 60% da mocidade animaríase a mercar coa promoción en galego. Porén, o mesmo traballo descubría que nas 16 marcas galegas que se analizaban o emprego do galego era testemuñal mesmo a nivel oral, onde quedaba en 4,8%.

A profesora de Linguaxe Publicitaria da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo (UVigo) en Pontevedra Ana Fernández Soneira recoñece a Nós Diario que é un tema “recorrente” do que falan no seu departamento. “En xeral hai pouca presenza do galego na publicidade, ás veces decatámonos de que hai marcas que só queren empregar aquí o castelán”, afirma esta docente e investigadora. 

Admite que é unha situación “preocupante para nós que sabemos o peso que ten na sociedade, máis pensando nas novas xeracións”. Considera que é imprescindíbel que non se perda “a lembranza de marca” que queda para sempre na memoria das persoas. O problema, indica Fernández, "non é da xente, é das marcas".

Catalán e euskera

A situación neste eido doutros territorios no Estado español, como Catalunya e Euskadi, pódese considerar diferente mais está lonxe da plena normalización. No primeiro caso, en xuño de 2022 a Plataforma per la Llengua publicaba unha análise de nove grandes superficies no referente á súa actuación lingüística concluíndo que só tres “aprobaban”: Fnac, Flying Tiger e Decathlon

No País Valencià a situación é moito peor. Unha tese presentada pola profesora Yaiza Pérez sobre este tema na Universitat de València ese mesmo ano indicaba que só 2,6% dos carteis aparecían escritos en catalán. 

Por último, en Euskadi aprovéitase a realización do Euskaraldia, un exercicio social masivo que durante 15 días procura cambiar os hábitos lingüísticos orais , tamén nas empresas. En 2022 fixérono cinco marcas, entre elas El Corte Inglés, Mercadona e Carrefour.

Para Fernández Soneira, a defensa institucional e social neses territorios inclúe en que as marcas que aquí empregan o castelán, algunhas galegas, muden alí cara ao catalán ou o euskera. "Faltan campañas por parte da Administración galega e que se deixe de lado que non pasa nada por empregar só o castelán", conclúe.

Comentarios