mércores 30/09/20

Doutra maneira

Na masa de galegofalantes introdúcense acotío locucións da lingua dominante

Falabamos esoutro día, no artigo Sen folgos, do mecanismo de infiltración dun idioma dominante sobre dun idioma dominado, e de como a invasión de características lingüisticas alleas en substitución das propias coñece a fase de creación dun crioulo e leva á desaparición da lingua "feble". Traemos hoxe de novo o asunto engadindo novas perspectivas con máis exemplos da invasión de modelos fraseolóxicos importados ou impostos.

Nos últimos anos foise utilizando en español —até se facer monótona, cansativa e ridicula— a frase como no podía ser de otra manera. Hoxe, máis que novedosa, orixinal e fresca, a expresión resulta cursi e resesa, característica de políticos de terceira e de aprendices de pedantes. Naturalmente, tamén chegou ao galego. Como non podía ser doutra maneira!

Ora ben, se o tal enunciado é relativamente recente, a idea, claro está, é anterior e circulou baixo outras formulacións. Pensemos, por exemplo, en No faltaría más! (posteriormente abreviada en Faltaría más!).

É natural e vello coma o mundo que os xeitos de falar, as locucións neste caso concreto, se anoven. Dixemos tamén noutro artigo que o algún día innovador e moderno en castelán más perdido que un pulpo en un garaje soa hoxe tópico, caduco e devaluado: máis deluvado que unha man metida dous días nun caldeiro de auga. Igual aconteceu con aqueloutra expresión de colega y sin embargo amigo, expresión copiada do francés onde xa previamente (nos anos 1968-70) fixera furor: cher collègue et néanmoins ami.

A repetición excesiva dunha locución moi alén do momento impactante denota unha simpleza evidente, unha pobreza lingüística e mental da persoa que a emprega, sexa ou non propia da súa lingua nativa a tal locución.

A maiores, se a expresión é unha simple importación dunha lingua allea que relega as creacións existentes na lingua de quen fala, esa difusión pode ser moi negativa. E isto acontece coa frase comentada Como non podía ser doutro modo/Faltaría máis! En galego temos unha frase tradicional asentadísma para esa función: Era boa!/ Érache boa! Debemos asegurar a nosa creatividade lingüística, a nosa independencia idiomática, conservando o tesouro secular.

O que levamos dito fainos pensar noutro mecanismo próximo que tamén expresa simpleza e baixo nivel mental. Tamén modernamente algunhas persoas importaron unha expresión española que as erixe a elas propias en único e absoluto argumento de autoridade. É a autocita (como digo yo), trasladada por algunhas persoas ao como digo eu cando os falantes tradicionais do galego —marxinadiños eles, os coitados— nunca ousarían atribuírse esa importancia. O malo é que —por riba— esa autocita resulta ridícula pois as máis das veces pretende apropiarse dun falar que é colectivo. Estoy hasta el moño (por poñermos un exemplo) é en castelán unha frase moi utilizada que pertence xa ao patrimonio da lingua sen que ninguén poida pretender a súa autoría, a súa propiedade, dicindo Estoy hasta el moño, como digo yo.

Apropiarse do público, privatizar o que é de todos. Non lles soa moito iso a lectoras e lectores?

comentarios