Como dicilo?

Do poleiro

galiña ave

Pitas e galos, polos e pitos.

A galiña (ou pita), tras ser fertilizada polo galo, pón ovos durante algúns días e despois chócaos, incúbaos, nacendo delas os pitos, as crías.  Estas, ao medraren convértense en polos e polas, e xa son capaces de subir ao poleiro, lugar do curral  algo elevado onde se acochan as aves maiores en tanto que os pitos teñen que seguir sempre embaixo, no chan.

Subir ao poleiro é, en sentido figurado, medrar, sobrevivir, irlle ben na vida, e cantar no poleiro mandar, gobernar, como se dixeramos levar a voz cantante. É o que fai (ou se lle atribúe) o galo.

O galo, que todo fachendoso dá voltas de arredor da pita á que galantea. E daí ven a frase de  facer a rosca do galo  ou, por antonomasia, facer a rosca, é dicir facer as beiras (en español tirar los tejos), dar voltas de arredor de alguén para gañar o seu favor.

Aos pitos atribúenselles dúas características : comeren moi pouco (comer coma un pitiño, coma un paxariño) e andaren sempre mollados (Puxémonos coma pitos). Unha frase irónica para lle dicir a alguén que non moleste é mandalo a lles botar auga aos pitos cando chove (Vailles botar auga aos pitos, ho), algo que polo que resulta tan innecesario que calquera se decata da burla.

As galiñas, daquela, poñen ovos e chócanos, andando con eles con moito tino (andar como a galiña cos ovos) e sería unha perda que a pita non puxera e só fose boa para chocar : por iso dicimos cando algo fracasa  saíulle a galiña choca. A galiña, cando choca está febril, de aí que en sentido figurado digamos dunha persoa está chocando unha gripe.

Á imaxe do pitiño que aínda non hai moito naceu, ou ten pouca pluma ou é feble, dicimos dunha persoa que aínda leva a casca no cu ou que é un pito cairo ou un pito serodio. E para evocar a hipótese de algo que non vai acontecer  dicimos cando mexen as galiñas, é dicir : nunca.

Cando existían as grandes salas de cinema con tres e catro plantas de altura, a máis elevada, a derradeira, era coñecida popularmente como o poleiro. Polo seu prezo máis baixo acudiamos os rapaces, e os adultos das clases populares ; e bromeabamos : é onde máis custa…subir.

Lembremos unha cantiga :

            As galiñas dan os ovos,

            os ovos dan os pitiños,

            das falas nacen amores,

            dos amores os filliños

Así fose sempre.

Comentarios