Compostela acolle un encontro ibérico de tradutores de software libre en linguas minorizadas

Decorrerá a comezos de outubro, promovido por grupos de tradución galegos, vascos, cataláns, asturianos e aragoneses. A asistencia a estas xornadas é libre, aberta e de balde. 

O Centro de Novas Tecnoloxías de Compostela acollerá do 4 ao 5 de outubro o Encontro Ibérico de Tradutores de Software libre en linguas minorizadas, unha cita organizada polo Proxecto Trasno, unha comunidade aberta de voluntarios que se adica desde hai 15 anos a localizar software libre ao galego. No encontro tamén participan Librezale (Euskal Herria), Softcatalá (Catalunya), Softastur (Asturies) e Softaragonés (Aragón).

Desde a organización sinálase na web que o que pretende este encontro "é acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do SwL á linguas minorizadas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos que axude a mellorar o rendemento e a calidade dos traballos”.

“Acceder á tecnoloxía no noso idioma é un dereito”

A asistencia a estas xornadas é libre, aberta e de balde. Poderá asistir calquera persoa interesada na tradución de software ou de produtos tecnolóxicos e informáticos, a calquera idioma.

Como indican na páxina web do encontro, “as mesas sectoriais organizaranse por grupos de traballo, nos que participaran todas aquelas persoas que sendo integrantes, por asociación ou colaboración, dos grupos organizadores, teñan interese no tema da mesa. aquelas persoas non integradas en grupos ou asociacións, poderán asistir como convidadas. A temática de cada mesa deberá seguirse no Programa de actividades (neste momento aínda en fase de deseño)”.

Comentarios