Alberto Pombo, profesor de Lingua Galega e Literatura: "É a propia rapazada quen dinamiza a lingua galega"

'Aquí tamén se fala' vai camiño de se converter na maior campaña de dinamización lingüística dos últimos anos na Galiza. Esta iniciativa, liderada por alumnado de Secundaria, naceu no IES Rafael Dieste da Coruña da man de Alberto Pombo e Arcadio González.
Alberto Pombo é un dos coordinadores de 'Aquí tamén se fala'. (Foto: Ana Souto)
photo_camera Alberto Pombo é un dos coordinadores de 'Aquí tamén se fala'. (Foto: Ana Souto)

—En poucos meses 'Aquí tamén se fala' deu o salto a máis de 180 centros de ensino e 90 concellos da Galiza. Como xorde a posta en marcha esta iniciativa cultural?

Todo comezou o curso pasado no Rafael Dieste, como unha experiencia de aulas de literatura galega, para ver a capacidade de incidencia que tiña o movemento social, neste caso, a rapazada, facendo un traballo de base, un traballo real de dinamización. A idea espertou moita curiosidade e tivo unha gran repercusión, polo que este ano decidimos lanzar unha convocatoria de adhesión. Agora mesmo xa case somos 190 centros e seguen chegando peticións a diario, a última, moi emocionante, a das crianzas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e do Hospital Teresa Herrera; mais tamén están a contactar facultades dos campus galegos, para ver se poden participar da iniciativa. Polo tanto, consideramos que esta vai ser a maior campaña de normalización da lingua da historia do país, realizada directamente pola mocidade.

—O alumnado de Secundaria, sobre todo, é quen exerce de técnico de normalización, en contacto coa veciñanza e cos negocios da súa contorna.

Con máis de 180 centros traballando a un tempo, calculamos que pode haber entre 20.000 e 40.000 rapaces e rapazas visitando porta por porta cada comercio, porque esta campaña consiste en crear unha mensaxe positiva identificando os negocios que falan galego, e se non o falan pois falámolo nós, a cidadanía. Pero non se trata só de imprimir 40.000 cartaces a repartir por toda Galiza senón dunha experiencia de dinamización que desenvolve a propia rapazada. O profesorado que participa disto simplemente coordina a acción. 

—Deseñaron unha campaña en positivo para vencer os prexuízos que pesan sobre unha suposta Galiza allea á lingua propia.

A cidade ten un peso notábel no temario que abordamos nas aulas de Literatura nas que comezou todo. A rapazada fascínase polo coñecemento de que aquí se funda a Academia, as Irmandades, a Cova Céltiga, a Escola Rexional de Declamación. A cidade ten unha presenza moi forte que non encaixa co estereotipo de que na Coruña non se fala galego, tan habitual nos medios de comunicación. A campaña parte desa análise e o máis interesante é que desde esa mensaxe positiva e nada derrotista, que trata de sumar forza para dicir que aquí tamén se fala, a rapazada mesmo dá un paso máis. O galego é un modelo ligado á mocidade, á cultura e á reivindicación da cidade.

—Foi boa a resposta dos negocios aos que se achegaron?

O curso pasado durante a experiencia piloto contaban pegar 300 cartaces e colocaron 500, pero o máis importante é que ningún comercio lles dixo que non nin recibiron ningún comentario negativo. E a repercusión que está a ter agora esta iniciativa por toda a Galiza é a mesma.

—O éxito da campaña está en que é a mocidade quen toma iniciativa en prol da lingua?

Por un lado está a forza da mocidade, que é algo imparábel, e por outro está a necesidade das cidades de se reivindicar como espazos galegofalantes. O mapa sociolingüístico revela perda de uso pero iso non di que nos barrios non se fale galego.

"Estamos a crear un repositorio da música galega"

'Aquí tamén se fala' está a provocar un movemento na rapazada, asegura Alberto Pombo, "que chega ao instituto e repara en que todo volve funcionar en galego", unha lingua que tamén é unha realidade nas casas. Mesmo nas do alumnado do IES Rafael Dieste migrante. Representa un 25% e conforma de maneira maioritaria os equipos de dinamización da lingua. "Son crianzas libres de prexuízos, que chegaron e aprenderon as dúas linguas", asegura Pomba.

Canda o resto da rapazada, participan de todas as propostas da iniciativa cultural. Os promotores do 'Aquí tamén se fala' traballan para fortalecer e espallar o seu impulso. A comezos de ano as redes inzáronse de mensaxes en prol da lingua de "persoas referentes para a rapazada" como Viggo Mortensen, James Rodhes, María Vázquez ou as Tanxugueiras. Nos últimos días sumáronse os equipos galegos de fútbol profesional. Celta, Dépor, Lugo e Rácing son cómplices desta iniciativa con vídeos e accións propias.

"Pero hai unha nova liña que Arcadio González e mais eu iniciamos no outono e que ten que ver co sector audiovisual. Estamos formando a rapazada na gravación profesional tanto de música como de vídeo", comenta Pombo, co obxectivo de crear un repositorio de música e cultura galegas a semellanza dos Tiny Desk. "Xa gravaron a Lucía Aldao, a Ses e os Ataque Escampe", di, antes de avanzar un "gran colofón musical" para fin de curso.

Comentarios