Celta, Dépor, Lugo e Rácing, de mans dadas a prol da lingua: "Aquí tamén se fala galego"

A iniciativa polo galego impulsada desde un instituto coruñés suma aos catro principais clubes de fútbol da Galiza.

alberto pombo aqui se fala
photo_camera Unha imaxe do cartaz da campaña. (Foto: Aquí se fala galego)

Unha onda impulsada desde o IES Rafael Dieste a favor do galego está a se converter nun pequeno tsunami de galegofilia que supera marcos e lindes. “Aquí tamén se fala galego” dá nome a unha campaña coa que rachar prexuízos e implicar activamente a mozos e non tan mozos a favor do idioma propio da Galiza e que agora é todo un lema de orgullo pola lingua para galegofalantes e non galegofalantes.

A última, que non derradeira, etapa até agora desta iniciativa logrou que os catro principais clubs de fútbol galegos se sumen a esta campaña. Celta, Depor, CD Lugo e Rácing de Ferrol comprométense con “Aquí se fala galego”. Un paso de enorme importancia e simbolismo polo peso social que ten este deporte e as catro entidades mencionadas.

O Deportivo da Coruña xa colgou nas redes sociais un vídeo con xogadores do equipo falando sobre o galego.

Mais non é este o primeiro fito desta iniciativa, que suma máis de 150 institutos por todo o país e que logrou que actores como Viggo Mortensen ou músicos como James Rhodes graven pequenos vídeos nas redes sociais de apoio ao galego.

Que esta iniciativa estea impulsada polo alumnado dun institutor urbano da Galiza ten, se cabe, aínda maior importancia. É precisamente esta franxa, mocidade urbana, onde o galego ao longo das últimas décadas experimentou unha regresión importante. Porén, nos últimos anos, hai tendencias en positivo de proxectos e iniciativas de recuperación da lingua e da consideración da msma por parte de mozos e mozas.

Comentarios