luns 17.02.2020
Lingua

Agradecermos con 'obrigada' é correcto

Ante a polémica desencadeada pola palabra 'obrigado' no Parlamento, Nós Diario recolle a opinión de varias persoas expertas a respecto da corrección do seu uso.
Dicionario Xerais do ano 2000 (Marcos Miguéns)
Dicionario Xerais do ano 2000 (Marcos Miguéns)

A polémica inundou as redes sociais nos últimos días a respecto do uso da palabra 'obrigado' polo deputado do Bloque Nacionalista Galego Néstor Rego e, en resposta, polo socialista Pedro Sánchez no Palamento. Algunhas persoas critican que a expresión é portuguesa, mentres outras ven nela unha solución perfectamente válida na nosa lingua.

Aínda que 'obrigada/o' non é unha palabra recollida con este significado no dicionario da Real Academia Galega (RAG), si que aparece noutras obras de referencia como o Dicionario Xerais da Lingua, que na edición de 1986 inclúe para o termo a acepción de "recoñecido, agradecido" —se ben o Gran Xerais da Lingua de 2009 non a considera. Xosé María Lema Suárez, autor da primeira xunto a Rosa López Fernández e Primitivo Iglesias, afirma que "non vemos que haxa oposición entre 'obrigada/o' e 'grazas'".

A palabra 'obrigada/o', coas súas variantes 'obrigadiña/o' ou 'obrigadísima/o', teñen cada vez máis uso, se ben en rexistros normalmente máis cultos ou de certo grao de concienciación coa lingua. "Que se impuxese a forma 'grazas' de maneira que converxe co español responde á tendencia castelanizadora do galego que nos diferencia das solucións comúns co portugués, optando por aquelas máis próximas ao español", explica o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato.

"As propias normas da RAG ou do Instituto da Lingua Galega sinalan que hai que aproveitar e pór en valor o recurso do portugués", comenta o tamén docente Xosé Manuel  Sánchez Rei, polo que, na súa opinión, "o que fixo o deputado do BNG é harmónico coa tradición histórica que nos coloca no mesmo sistema lingüístico da lingua irmá". Henrique Monteagudo apunta igualmente que se ben a "forma tradicional é 'grazas', a outra tampouco presenta ningún problema" e toda esta polémica lle resulta "totalmente artificiosa".  

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube

comentarios