"Xúlgannos por evidenciar que hai un conflito lingüístico, que non existe unha convivencia harmónica"

Esta terza comeza o xuízo contra doce cidadáns e cidadás galegas para as que a Fiscalía solicita en conxunto 46 anos de prisión e 34.000 euros de multa. Representantes d@s imputad@s inciden no "carácter político" deste xuízo e fan un chamamento á solidariedade da cidadanía galega. Esta segunda hai concentracións de apoio en Compostela (Praza de Cervantes) e Vigo (diante do Marco)
aurelio
photo_camera Aurelio e Joam, terceiro e cuarto de esquerda a dereita

O 8 de febreiro de 2009 Galicia Bilingüe protagonizou unha manifestación en Compostela "contra la imposición del gallego", unha marcha que, nutrida de autobuses fretados desde puntos tan dispares como Madrid ou Salamanca, contou coa presenza de significados rostros do PP (Rueda), UPyD (Rosa Díez) e outros non tan coñecidos, mais primeiros espadas de organizacións como a Falange. Como resposta a esta "manifestación de odio ao galego e ao país", como a definen @s acusad@s, sucedéronse nesa xornada unha serie de actos e protestas. Case catro anos despois, doce galeg@s comparecen a partir desta terza nun xuízo. Algúns deles e delas non foron detidos nin identificados ese día. A Fiscalía solicita en conxunto 46 anos de prisión e pola volta de 34.000 euros de multa.

Dous dos encausados, Aurélio L. e Joam P. analizan para Sermos Galiza o proceso xudicial ao que teñen que facer fronte, para alén da xornada dos feitos dos que están acusados ou a situación do idioma e o contexto político e social en que se desenvolve o xuízo.

Falades de que o xuízo é un xuízo político, por que?

Porque parte dunha manifestación política, en que buses procedentes de diferentes puntos de España viñeron manifestarse a Compostela, con militantes e dirixentes de organizacións como UpyD ou Falange, viñeron atacar calquer pequeno avance na normalización do noso idioma. Fronte a iso, moitas persoas decidimos sair á rúa para rexeitar eses sectores e defender o galego. Así pois, este xuízo ten unha raíz política, con dúas posturas irreconciliábeis. Por iso é unha cuestión política e non de desordes públicas como algúns están interesados en facer ver.

"O servizo de orde de Galicia Bilingue berraba á policía que cargaba "matadlos", á vez que "libertad". E cousas como "Al mar como en Chile"

Se entendedes que é un xuízo político, qué mensaxe e argumentos queredes expor?

Alén da cuestión estritamente legal, o que queremos denunciar é o contexto en que se daba esa manifestación dun sector moi minoritario que está por levar até o final o exterminio do idioma do pais. E nese día, prantámonos alí 200 ou 300 persoas para deixar claro que hai un sector grande da sociedade galega que non está por permitir iso. Era un xeito de lles facer ver que non hai lugar para manifestacións públicas dese tipo, de odio contra a nosa língua e contra o noso país.

Estades a recibir solidariedade de colectivos, asociacións, organizacións...?

Si que o notamos. Para alén dos apoios individuais, témolos recibido de colectivos como A MesaProlingua, dos centros sociais, etc.... Na comparecencia feita hai uns días houbo representantes do BNG, AGE e Causa Galiza, entre outras. Pedimos a solidariedade e apoio da cidadanía que defende o noso idioma. Conseguindo eses apoios saltamos un cerco que querían facer algúns en plan "independentistas violentos" ou "radicais". 

Para nós é fundamental que os días do xuízo haxa un apoio aos procesados por parte dos sectores máis conscientes e comprometidos co galego

Para nós é fundamental que os días do xuizo haxa un apoio aos procesados por parte dos sectores máis conscientes e comprometidos co galego. Hai que demostrar que hai un sector amplo da poboación galega que non vai aeptar a criminalización da defensa do galego, nin permitir que se repitan manifestacións como aquela do 8 de febreiro de 2009.

As peticións que fan na Fiscalía implicaría penas de prisión... Como interpretades unhas penas tan altas?

Nun contexto dun xuízo político, como entendemos que é este, a desproporción das penas procura un efecto de "exemplariedade", de castigo e dalgunha maneira, resposta a unha estratexia de fondo. E desde un foco máis amplo, non debemos esquecer de como o estado, e o PP que goberna, trata todo o que sexa mobilización social. Aí está a tortura na comisaría de Ferrol a un responsábel sindical da CIG, as cargas policiais contra os estudantes que protestaban en Ourense... E a gran cantidade de activistas que están inmersos en procesos xudiciais con peticións de penas de prisión e fortes multas económicas. O noso proceso cremos que está nese marco, de radicalización da represión e do uso de diferentes formas de violencia contra todo tipo de mobilización social.

É moi interesante sinalar que a creación de Galicia Bilingüe nace directamente da FAES, o think tank do PP, para atacar calquera proceso de normalización do galego por mínimo que fose.

Credes que este proceso serve tamén como toque de atención a movementos sociais de oposición ás políticas de exterminio do galego ou doutro tipo?

É moi significativo que algúns dos que están imputados non fosen nin detidos nin identificados no día da manifestación de Galicia Bilingue. Senón que foi chamada aos xulgados días despois. Semella que hai unha selección de xente que se quere procesar. E hai unha aposta por criminalizar o movemento de defensa do idioma deste país.

Nós somos independentistas e partimos da base de que o independentismo galego é o inimigo irreconciliábel do Estado español, un estado que está en crise e se está a debilitar o modelo constitucional e territorial. E o estado trata de machacar o seu antagonista.

Falades no manifesto 8F do proceso de desgaleguización da sociedade galega e da necesidade de responder iso

No manifesto xa queda claro desde o principio. Os datos máis solventes alertan que de non haber un cambio imos cara á desaparición do galego en todos os ámbitos. As prediccións que facía no seu día o nacionalismo popular sobre que o sistema autonómico non ía supor un proceso de construción da nación galega nin defender a lingua dignamente, confírmase como acertadas trinta anos despois. Estamos a falar de comarcas do país onde o galego é marxinal, sobre todo nos máis novos. A perda de falantes é contínua. E non hai interese institucional en reverter iso, de aí que corresponda á propia socidade galego loitar por iso. O 8 de febreiro de 2009 o que fixemos foi evidenciar que hai un conflito entre dúas identidades, que tamén se manifesta no idioma. Nestes trinta anos do que se chamou "convivencia harmónica" o que vivimos foi un proceso de morte doce do galego.

A nós a nivel mediático van tratar de facernos pasar por vándalos, violentos e toda esa terminoloxía

A nós a nivel mediático van tratar de facernos pasar por vándalos, violentos e toda esa terminoloxía. Mais nese día nós estabamos alí por unha razón política: escenificar que hai un sector da sociedade galega que non pasa porque se fagan manifestacións públicas de odio contra o propio país. 

A manifestación de Galicia Bilingue partía de premisas antidemocráticas e de odio cara ao noso idioma. Unha cousa moi significativa de quen eran os que se manifestaban foi que cando comezaron as cargas policiais arbitrariamente, e con identificacións por axentes a persoas por simplemente falar galego, o servizo de orde de GB misturaba os berros de "libertad" e "mátalos", para alén de "Al mar como en Chile"

Comentarios